Poio aposta por dinamizar a hostalaría con gastronomía, formación, natureza e o impulso do emprendemento no Camiño

29/04/2024

As iniciativas para 2024 inclúen o certame de Tapas “Tapea Poio 2024”, un Foro de Emprendemento para aproveitar as oportunidades das Variantes Xacobeas, unhas Xornadas da Ameixa en torno á Festa homónima de Campelo ou formación en idiomas específica para os profesionais do sector.

A concelleira de Turismo e Urbanismo do Goberno de Poio, Rocío Cochón, mantivo este luns un encontro informativo con empresarios da hostalaría do municipio para analizar a situación dos seus negocios, estudar as demandas e necesidades dos profesionais, e dar a coñecer algunhas das propostas do Goberno local para dinamizar o sector.

Durante o encontro, que tivo lugar no Casal de Ferreirós, Cochón subiñou que a hostalaría é “un auténtico piar da economía de Poio, como xerador de riqueza e de emprego, ademais dunha seña de identidade do noso Concello”, e como tal, “necesita un apoio decidido do Goberno municipal, e vaino ter”.

A edil fixo un repaso do levado á práctica polo Goberno nestes primeiros meses, como a Constitución da Mesa local de Turismo, a asistencia a Fitur, o recoñecemento de dous novos sendeiros azuis ou a iniciativa ‘No Bo Camiño’: “Estamos traballando para ter un turismo sostible, de calidade, para todo tipo de visitantes e os 365 días do ano”.

Por iso, asegurou que “para ese obxectivo necesitamos contar coa hostalaría, xa que son os primeiros que poden axudar a conseguilo, pero tamén os que máis se poden beneficiar de que o logremos”.

FORO DE EMPRENDEMENTO NO CAMIÑO, CERTAME DE TAPAS, XORNADAS DA AMEIXA OU FORMACIÓN EN IDIOMAS, APOSTAS PARA DINAMIZAR O SECTOR EN 2024

Cochón trasladou algunhas das propostas do Goberno local para dinamizar o sector en 2024, como o Foro de Emprendemento no Camiño, unha xornada técnica que terá lugar en xullo para achegar a empresarios, profesionais e potenciais emprendedores as oportunidades de negocio que presentan as variantes xacobeas ao seu paso por Poio.

Este foro reunirá en Poio a representantes de distintas administracións e sectores que presentarán casos de éxito e exporán a posibilidade de colaboración público – privada para levar a bo término calquera iniciativa.

Así mesmo, nas próximas semanas, poranse a disposición dos empresarios e traballadores de hostalaría, hospedaxe e outras empresas do sector Formación en Inglés Turístico, unha demanda constante do sector que ademais servirá para reforzar a estratexia de internacionalización de destino emprendida desde a Consellería.

Cochón tamén trasladou a aposta do Goberno local polo turismo natural, cunha estratexia de posta en valor dos sendeiros azuis e outros paraxes naturais do Concello, que se presentará ao sector da hostalería para acadar a máxima colaboración.

Outra das iniciativas que se porán en marcha este ano son as Xornadas da Ameixa, que buscarán recuperar o protagonismo da ameixa na gastronomía do Concello nas datas nas que se celebra a Festa deste produto en Campelo.

Finalmente, Cochón adiantou a organización, en outubro deste ano do primeiro Certame “Tapea Poio”, un concurso de tapas para toda a hostalería do Concello que permitirá dinamizar o sector e dar visibilidade á tradición de excelencia gastronómica que caracteriza Poio.

Cochón subliñou ademais que os hostaleiros poderán axudar a deseñar como se executarán estas iniciativas, mediante enquisas en liña e consulta directa sobre as actividades, como prezo, horario, modalidades… Para isto, durante a reunión trasladóuselle aos asistentes códigos QR e se lles facilitou a incorporación a un rexistro con todos os establecementos de hostalaría locais.

“Ninguén coñece mellor o seu sector, o seu negocio, as súas necesidades que os propios hostaleiros e restauradores de Poio”, explicou Cochón, e por iso “imos ir paso a paso da súa man para garantir que Poio siga a ter unha hostalaría e unha restauración de primeira”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio