Poio adianta ao sector turístico o vídeo promocional “Illa de Tambo, embarcamos!” antes da súa estrea en Fitur

23/01/2024

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, convocou a empresarios e profesionais da hospedaxe, a restauración e a hostalería, así como aos veciños e colectivos que participaron na gravación para que puidesen coñecer o contido do vídeo antes da súa proxección oficial, que terá lugar no expositor de Galicia en Fitur este mércores 24 ás 14:30 horas, durante a presentación que terá á Illa de Tambo e a Poio como protagonistas. Tamén poderá seguirse por streaming na páxina de Turismo de Galicia.

O vídeo baséase na lenda oriental do ‘fío vermello do destino’, un cordón de cor vermella invisible que conecta a aqueles que están destinados a atoparse sen importar tempo, lugar ou circunstancias. Durante a peza, a audiencia e os potenciais visitantes coñecerán distintos lugares emblemáticos de todas as parroquias, como a praias do municipio, o Mosteiro de Poio e as variantes do camiño de Santiago, o Bosque de Colón, o casco histórico de Combarro, os Muíños de Samieira ou a vila de Raxó, entre outros, antes de embarcar á Illa de Tambo, que aparece en todo o seu esplendor. Os espectadores descubrirán, deste xeito, que están unidos por ese fío invisible a Tambo e a Poio, “o teu destino”.

Despois da proxección, o alcalde Ángel Moldes volveu incidir no seu agradecemento a Turismo de Galicia por facer unha presentación centrada en Tambo, así como “a implicación e participación de moita xente”, destacando que na peza colaboraron mariñeiros, mariscadoras, veciños e asociacións. “Grazas a eles podemos dispor dun material promocional que permitirá ter máis visibilidade que nunca na maior feira de turismo do mundo” e a custo cero para o Concello.

Ademais, tamén destacou de xeito especial o papel da actriz afeccionada veciña de Samieira, Silvia Ramírez, que serve como fío condutor do vídeo, así como dun compañeiro de reparto moi especial, o can Leo. Está en adopción na canceira de Poio, que facilitou a súa participación no vídeo, e como recordou Elisa, responsable da canceira, todos os que desexen ter un compañeiro fiel e cun carácter excepcional, “e ademais, agora, protagonista dun vídeo fantástico”, poden poñerse en contacto ou ter máis información en https://www.facebook.com/acanceiradepoio/

A edil de Turismo, Rocío Cochón, que estivo presente durante a gravación, quixo agradecer a Ramírez, a Leo e a todos os profesionais e voluntarios que formaron parte, “desde as mariscadoras ao dono do barco pesqueiro que nos levou á illa”, e convidou á veciñanza de Poio e a “todos os que queiran coñecer un destino único, sostible e atractivo os 365 días do ano”, que estean atentos ao stand de Galicia en Fitur este mércores, onde descubrirán que Poio é “o seu destino”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio