Os cambios introducen usos que non estaban contemplados no PXOM vixente, como sanitario, educativo, cultural ou deportivo; tamén se regulan os aparcamentos disuasorios e a figura dos complexos inmobiliarios, actualízase a regulación dos usos turísticos e redúcese a fronte mínima para vivendas unifamiliares, entre outros “cambios a mellor”.
O Goberno local de Poio levará ao Pleno da Corporación de marzo unha modificación puntual do PXOM que vai permitir adaptar as normas urbanísticas do municipio “á lexislación vixente e ás necesidades da veciñanza”.
A concelleira delegada de Urbanismo, Rocío Cochón, explicou que a modificación pretende aclarar e completar unha serie de deficiencias e omisións do PXOM do ano 2000. Tamén permitirá adaptar a norma urbanística á nova lexislación, como a Lei do Solo de Galicia do ano 2016, e definir e regularizar usos que no seu momento non se recolleron, como sanitario, educativo, sociocultural ou deportivo…
Cochón destacou que estas deficiencias xa foran advertidas pouco despois de aprobarse o PXOM en vigor, o que provocou que os gobernos da etapa anterior intentasen emprender esta modificación varias veces sen éxito, en 2004, en 2011… Por iso, subliñou: “Desde a chegada do novo Goberno puxémonos a traballar neste obxectivo ao entender que era algo inaprazable. Ter unhas normas urbanísticas claras e completas é fundamental para a actividade económica, para a tranquilidade da veciñanza e para que Poio poida seguir crecendo”.
Entre outros preceptos, a modificación introduce os complexos inmobiliarios, unha figura que permitirá solucionar problemáticas en vivendas xa construídas; tamén aclara a normativa no que se refire a aspectos como muros de contención, os accesos a determinados terreos e outros aspectos técnicos. Ademais, defínense os aparcamentos disuasorios e os lugares onde se poden habilitar, algo que ata agora non estaba contemplados, así como outras cuestións de carácter técnico relativas ás distintas ordenanzas do Plan Xeral.
A maiores, redúcese a fronte mínima para as vivendas unifamiliares de 12 a 6 metros, o que ampliará as posibilidades edificatorias de parcelas nas que hoxe non se podería construír, facilitando o acceso a un fogar a máis familias.
Finalmente, outra das cuestións máis relevantes que introduce a nova redacción é a regulación dos usos turísticos ou de aloxamento segundo o Regulamento da Lei do Solo, “actualizando a normativa municipal en relación a este sector moi importante para a economía municipal e para tantas familias”, destacou Cochón.
A responsable municipal de Urbanismo agradeceu o traballo dos técnicos do departamento e outras técnicos municipais implicados nesta modificación, un expediente “no que levan anos traballando” e ao que, desde a chegada do novo Goberno se lle deu a máxima prioridade, pois “terá un impacto moi positivo no urbanismo de Poio e, polo tanto, tamén na vida e na actividade económica dos nosos veciños”.
“Queremos que Poio sexa cada día un concello máis atractivo para vivir, para traballar e para investir”, explicou Cochón, e para iso é fundamental un urbanismo do século XXI adaptado á lexislación e ás necesidades da veciñanza.
A modificación será informada o próximo martes pola Comisión municipal de Urbanismo, para a continuación votarse no Pleno a súa aprobación inicial. De prosperar, a tramitación continuaría coa súa remisión á Consellería de Medio Ambiente pola Xunta de Goberno Local para a súa avaliación ambiental, tras o que volvería ao Concello ata a súa aprobación definitiva.