Aberto o procedemento para adxudicar as obras de renovación do saneamento e pluviais na Caeira

16/05/2025

O orzamento de licitación ascende a preto de 80.000 euros, froito do convenio asinado entre o Concello, a promotora Zoe Home e Inmobiliaria Club de Tenis.

O Concello de Poio inicia o procedemento para adxudicar as obras de renovación do saneamento e pluviais na Caeira, un proxecto que se vai executar grazas á colaboración entre o Concello, a promotora Zoe Home e a Inmobiliaria Club de Tenis.

A Xunta de Goberno aprobou esta semana o proxecto e a apertura do procedemento de adxudicación, para o que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 3 de xuño. Unha vez adxudicado o proxecto, o prazo de execución das obras será de dous meses.

O orzamento de licitación ascende a preto de 80.000 euros, financiados na súa totalidade mediante a aportación realizada pola entidade Zoe Home, que está construíndo na actualidade 27 vivendas unifamiliares pareadas e adosadas nas rúas Illa de Ons e Illa de San Simón, en Boa Vista. Dentro desta promoción, tiña proxectado executar a conexión á rede de pluviais e saneamento mediante pozos de bombeo ata a rede existente na rúa Illa de Tambo. Unha rede que, na actualidade, está ao final da súa vida útil, provocando avarías e roturas e ocasionando problemas de inundación nas pistas de tenis e mesmo en vivendas, xa que parte da rede transcorre a través desta instalación e, incluso, os colectores están situados en parcelas privadas nas que, con posterioridade, se foron construíndo edificios e, por este motivo, non é posible ter acceso para realizar ningunha actuación.

Por este motivo, hai un mes Concello de Poio, Zoe Home e Inmobiliaria Club de Tenis asinaron este convenio para executar as obras para mellorar o trazado e as redes de pluviais e saneamento na Caeira e que vai beneficiar, de xeito directo, en toda a comunidade.

Así, a través deste convenio entre tres partes, aproveitarán eses pozos de bombeo que xa tiña proxectados Zoe Home para anular os colectores actuais e, de paso, modificar tamén o trazado das redes de pluviais e saneamento para que transcorran polos viais públicos e non a través das vivendas, unha mellora que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, ofrecerá unha solución non só para as novas vivendas en construción, senón que ademais dará resposta a unha problemática existente en toda esta zona.

O trazado das redes a executar iniciarase na rúa Illa de San Simón, discorrerá a través da parcela do club de tenis pola zona este, e realizarase a conexión na rúa Valiña, entre os edificios 8 e 12. Neste caso, eliminarase a servidume para o paso dos servizos a través do club de tenis polo centro das pistas, e trasladarase a un dos extremos da parcela, evitando deste xeito, os problemas actuais de inundacións das zonas de xogo.

A través do convenio asinado, Zoe Home comprométese a financiar integramente a actuación, mentres que o Concello de Poio é quen se encargará de executar as obras. Pola súa banda, o Club de Tenis de Pontevedra comprométese a constituír esta nova servidume sobre os terreos afectados, cunha duración ilimitada no tempo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio