O alcalde Ángel Moldes lamenta que o Goberno central “teña secuestrados uns cartos que son dos veciños de Poio, que podían destinarse para dar resposta a moitísimas demandas”.
Anuncia que xa están en negociacións para comprar un terreo no centro de Samieira no que construír o primeiro parque público desta parroquia.
O pleno do Concello de Poio aprobou onte, na sesión ordinaria do mes de abril, facer unha modificación de crédito para destinar 900.000 euros do remanente de tesourería de 2024 para pagar débeda, sufragando parte do importe das cotas de amortización correspondentes a unha das pólizas de préstamo asinada coa entidade bancaria BBVA en 2021.
En febreiro aprobouse a Liquidación do exercicio 2024 do Concello de Poio, cunha capacidade de financiamento (superávit) de 2,4M€ e un remanente de tesourería para gastos xerais axustado que ascende a 2M€. Aínda que o obxectivo do Goberno local era poder destinar estes cartos para desenvolver e executar proxectos para mellorar o día a día da veciñanza, o Ministerio de Facenda pronunciouse recentemente sobre a imposibilidade de que os concellos poidan destinar este superávit a realizar investimentos sostibles indicando que deberá destinarse exclusivamente para minorar débeda.
Así pois, sen máis alternativa, coa amortización destes 900.000 euros sufragarase parte do importe dun dos préstamos bancarios que ten activos o Concello de Poio. Neste caso, asinado no ano 2021 e que na actualidade conta cun tipo de interese de 3,7% e ten pendentes de amortizar 2,5M€.
Ademais de amortizar estes 900.000 euros, segundo as previsións realizadas nos orzamentos aprobados para este ano o Concello de Poio tamén vai reducir ao longo de 2025 a débeda viva en outros 860.000 euros. En total, durante 2025 amortizaranse 1,8M€, que permitirá reducir a débeda de 7,9M€ en xaneiro de 2025 a 6,1M€ en decembro deste ano.
Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, “estamos facendo unha xestión dos recursos responsables, dando resposta a demandas históricas, cumprindo co noso programa de Goberno e, ademais, conseguindo reducir a importante débeda económica que herdamos”. Con todo, lamenta que o Goberno central “ten secuestrados 2,4M€ dos veciños de Poio, que podían destinarse para dar resposta a moitísimas demandas” e criticou que as súas políticas impidan que os concellos poidan dispoñer do seu superávit para desenvolver e executar proxectos financeiramente sostibles que melloren o día a día da veciñanza. Neste senso, lamenta que “a falta de previsión, xestión e execución” do Goberno “prexudique e castigue inxustamente” a aquelas administracións que fixeron unha xestión responsable.
PRIMEIRO PARQUE INFANTIL MUNICIPAL EN SAMIEIRA
Durante a sesión plenaria, o alcalde Ángel Moldes anunciou tamén que Samieira contará este mandato co primeiro parque infantil municipal, en resposta a unha moción do BNG “que chega tarde”. Nesta liña, criticou que “traen esta moción que, por certo, é un copia e pega da que presentou o PP, porque saben que xa estamos traballando para facelo realidade”. Así, explicou que “xa escoitamos aos veciños e sabemos que queren o parque no centro da parroquia e, por iso e porque alí o Concello de Poio non ten ningunha parcela, xa temos negociacións moi avanzadas con varios propietarios para comprar un terreo no que poder facer ese investimento, exactamente igual que fixemos en Vilariño, onde imos crear unha pista multideportiva”.
Ademais, lamentou a falta de coherencia dos grupos da oposición. “Nós votamos o mesmo como Goberno e como oposición. Vostedes votaron non no Goberno, e agora o reclaman como oposición. O que non foron capaces de facer en 28 anos, o faremos realidade nós nun só mandato”.