Pistoletazo de saída ao Verán Deportivo 2025 este fin de semana na praia de Lourido

03/07/2025

Ángel Moldes convida a veciños e visitantes a achegarse ata a praia para gozar destes partidos, porque, sinala, son unhas probas espectaculares, moi recomendables e, ademais, xóganse nunha contorna incomparable.

O Concello de Poio presenta unha nova edición do Verán Deportivo, coa participación do alcalde Ángel Moldes, o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, e a presidenta de Volei Praia Vigo, Marta González. Unha iniciativa que une deporte, saúde e promoción do territorio e que terá un calendario importante de actividades na praia de Lourido durante todo o verán. Esta edición incluirá competicións de Volei Praia e Futvolei, abertas tanto a deportistas federados como a afeccionados.

O evento arranca por todo o alto esta fin de semana, 5 e 6 de xullo, coas primeiras citas do calendario, que contará con máis de 100 participantes chegados desde diferentes puntos de Galicia. Así, xogarase o campionato de Galicia de Volei Praia Federado, que reunirá ás mellores parellas do circuíto autonómico, e o torneo 3×3 de Volei Praia.

Desde o Concello, Ángel Moldes aposta polo deporte ao aire libre como ferramenta de dinamización social, turística e saudable para veciños e visitantes, aos que convidou a achegarse ata a praia para gozar destes partidos, porque, sinala, son unhas probas espectaculares, moi recomendables e, ademais, xóganse nunha contorna incomparable.

As probas desenvolveranse durante os fins de semana de xullo, consolidando así o Verán Deportivo como unha referencia do deporte estival. Tras esta fin de semana, a cita deportiva continúa o sábado 12 e domingo 13 de xullo coas categorías femininas, masculinas e mixta de volei praia amateur. O sábado 27, disputarase futevolei en categoría aberta e para nenos de 9 a 16 anos.

Máis información e inscricións en verandeportivo.com.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio