“Petete” achega a teoría do Colón galego aos escolares do municipio

25/04/2024

O pregoeiro do Día de Colón, Ramón Pedras “Petete”, está percorrendo esta semana os colexios de Poio para poñer en valor a festa medieval que se celebra en Combarro os días 10 e 11 de maio, ao tempo que achega ao alumnado a teoría do Colón galego.

“Petete”, que foi unha das persoas que impulsaron a celebración desta festa en Combarro, incidiu na historia de Combarro, na orixe do Bosque de Colón, así como nos documentos medievais que relacionan a Cristóbal Colón con Poio e fixo referencia á toponimia “que ten unha curiosa coincidencia” entre varios enclaves do municipio e que Colón reflectiu en puntos do novo mundo. Ademais, compararon os escudos de Poio e Porto Rico, o máis antigo de América, e que presentan os mesmos debuxos. Unha información que, como lles explicou Petete, poden atopar na Casa Museo de Colón de Poio, que está situada en Portosanto.

Por último, “Petete”, que estivo acompañado por representantes das asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas, fixo entrega de cómics e libros sobre a teoría do Colón galego para as bibliotecas de cada centro escolar.

Por outra banda, xa comezaron tamén os ensaios de bailes medievais no salón da Comunidade de Montes de Combarro, con grande afluencia de participantes. Son bailes sinxelos, para todas as idades, que convidan a retroceder no tempo e que se porán en escena o propio sábado, día 11.

O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas os días 10 e 11 de maio e impregnar Combarro do espírito de Colón.

Á espera de presentar a programación da décima edición nos vindeiros días, que incorporará algunhas novidades con respecto á que estaba prevista en outubro, xa se pode confirmar que incluirá mercado artesanal, talleres demostrativos, tiro con arco, zonas de xogo e animación infantís e música e trucos itinerantes polas rúas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio