Maritxe González subliña que a iniciativa EmpregoenPoio nas redes sociais emerxeu como unha ferramenta esencial na promoción e xestión do Servizo de Intemedicación Laboral.
O 70% das ofertas de emprego externas xestionadas desde xaneiro ata agosto polo Servizo de Intermediación Laboral do Concello de Poio foron cubertas polos usuarios do propio servizo, unha porcentaxe que, segundo subliña a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, vén a demostrar que “esta iniciativa converteuse nunha ferramenta moi útil, na que a cidadanía confía e que está resultando moi valiosa á hora de facilitar a inserción laboral de persoas en búsqueda de emprego pero tamén para dar resposta ás propias empresas, que recorren a este servizo para facer a súa selección de persoal”.
Así, recorda que desde o primeiro momento, este Servizo de Intermediación Laboral está esperando grande interese entre a cidadanía. “Os resultados están sendo moi positivos”, subliña. Esta iniciativa conta co perfil EmpregoenPoio nas redes sociais, que emerxeu neste tempo como unha “ferramenta esencial” na promoción do emprego e xestión do Servizo de Intermediación Laboral. De feito, indica que, por exemplo, nun mesmo día poden recibir ata seis ofertas de emprego a través das redes sociais creadas, “o que reflicte que este servizo vai camiño de alcanzar a máxima credibilidade e confianza entre a poboación”.
Nestes meses preto de 100 empresas de Poio, Sanxenxo, O Grove, Cambados, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa… solicitaron a intermediación deste servizo para buscar persoal no municipio, e 7 de cada 10 destas ofertas foron ocupadas por persoas de Poio.
Toda a información está accesible no perfil de empregoenpoio en facebook e instagram, onde se pon a disposición das persoas interesadas ofertas de traballo e de formación actualizadas, de xeito que toda a información queda centralizada nun mesmo espacio para que a consulta sexa o máis rápida e áxil posible, pero tamén para que, no caso de que alguén estea interesado na oferta, se poida tramitar de xeito sinxelo. Na última semana, publicáronse ofertas de emprego para operarios de liña de produción, axudantes de cociña, camareiros, peón de mantemento… “Este programa non só está facilitando unha comunicación directa e continua coa cidadanía, senón que ademais está fomentando a súa participación e o seu compromiso”, sinala a concelleira.
Esta é unha das tres áreas que xestiona o Servizo de Orientación Laboral do Concello de Poio, que está localizado na Reiboa. Así, xunto a esta área de emprego, tamén traballan na formación e cualificación para o emprego e na área de orientación laboral. O obxectivo do Servizo de Intermediación, explica González, é identificar e xestionar as ofertas de emprego, vinculalas aos usuarios que mellor se axusten a elas en función do seu perfil e formación, co fin de facilitar ás empresas os posibles candidatos que mellor se adaptan aos seus requirimentos e necesidades e, con respecto aos traballadores, facilitarlles o acceso ás ofertas de emprego dispoñibles que máis se adecúan ás súas competencias. Previamente, faise un traballo personalizado con cada usuario, que inclúe un diagnóstico individualizado, un itinerario e un acompañamento para informar da situación do mercado de traballo. Así, no momento no que a orientadora laboral recibe unha oferta de emprego, identifica as necesidades da empresa, fai unha selección dos candidatos máis adecuados para esa oferta e, no caso de que sexa seleccionado para o posto, fai un seguimento do proceso de inserción.
As persoas demandantes de emprego e as empresas que teñan algunha praza que cubrir e estean interesadas en participar nesta iniciativa poden darse de alta no servizo de orientación laboral do Concello de Poio ou pedir máis información a través do propio portal nas redes sociais.