Finaliza o primeiro dos tres cursos de formación especializada e gratuíta organizados polo Concello de Poio e dirixidos a guías turísticos ou persoas con relación profesional, no que os alumnos e alumnas afondaron no patrimonio, a historia, a natureza e os valores turísticos de Combarro e Tambo, con clases teóricas e visitas a ambos os lugares.
Os primeiros alumnos da formación especializada e gratuíta sobre Turismo Patrimonial en Combarro e a Illa de Tambo, organizados polo Concello de Poio, recibiron esta mañá os seus diplomas. Pertencen á primeira das tres quendas desta acción formativa, con 45 prazas en total, dirixidas a guías turísticos ou persoal con relación profesional en Combarro ou Tambo.
Desde o día 14, e dentro deste primeiro curso, máis dunha decena de profesionais afondaron no patrimonio, a historia, a natureza e os valores turísticos dos dous lugares, cun programa dinámico, práctico e participativo impartido por persoal experto. A formación, de 30 horas, incluíu material didáctico de gran valor, como a “Guía do Casco Histórico de Combarro”, do profesor Rafael Vallejo, e completouse con senllas visitas didácticas á Illa de Tambo e ao centro histórico combarrés.
O segundo grupo comezará mañá a súa formación, cun máximo de 15 alumnos, e así ata completar os tres cursos programados polo Concello, rematando esta acción formativa a finais de novembro.
Esta iniciativa inclúese no proxecto ‘Turismo Patrimonial en Combarro e Tambo’, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) a través da Consellería do Mar e o GALP Ría de Pontevedra, mediante unha subvención de 12.471 euros co obxecto de diversificar a economía das zonas costeiras. Os tres cursos compleméntanse coa edición de 1.000 trípticos sobre Combarro e a Illa de Tambo.
O alcalde, Ángel Moldes, que visitou ao alumnado xunto coa concelleira de Turismo, Rocío Cochón, agradeceulles “querer saber máis sobre dúas das nosas principais xoias patrimoniais e turísticas e, o máis importante, ter a vontade de aprender a amosalas e poñelas en valor, a transmitir con paixón os seus valores e así axudar a difundilas e conservalas”.
O alcalde adiantou tamén os eixes principais da estratexia turística en relación aos dous enclaves, coa prioridade de consolidar Tambo como un referente cultural, natural e de turismo sustentable, así como protexer e coidar o inmenso patrimonio de Combarro, promovendo un turismo de calidade, diversificado, desestacionalizado e respectuoso coa veciñanza e a contorna, e pediu aos participantes, moitos deles veciños de Poio, que “agora, con máis razón, colaboren e participen en construír o mellor destino posible para profesionais, visitantes e veciños coas súas achegas, suxerencias e ideas”.