Os particulares xa se poden inscribir para participar nos xantares e ceas na rúa polo Día de Colón

21/03/2024

A décima edición da festa celébrase o 10 e 11 de maio.

Os particulares poderán reservar espazo para xantar ou cear nas rúas de Combarro durante o Día de Colón, que se celebra o 10 e 11 de maio. Esta é unha das principais novidades que se incorporaron á décima edición da festa medieval, que se recupera tras cinco anos sen organizarse, en colaboración coas asociacións Combrus, Lecoíña e Vides Novas.

Os xantares e ceas de particulares poderán organizarse o sábado, día 11, e as persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Turismo de Combarro, desde mañá xoves e ata o 21 de abril. Xunto coa folla de solicitude, na que teñen que incluír datos do solicitante así como número de participantes e dimensións da mesa, e interese en facer lumes e grellas, deberán acompañar copia do DNI da persoa representante e esbozo ou fotografías que amosen as dimensión do espazo que se solicita, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar.

O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón.

Entre as normas de participación propostas polas asociacións colaboradoras, destacan que todas as persoas da mesa vestirán traxes adecuados á época histórica da recreación da festa, e a decoración e ambientación deberán tamén estar relacionados directamente co espírito da época, así como os materiais que se utilicen, a música e incluso a animación tamén deberán ter temática exclusivamente medieval. De feito, haberá premios para os mellores decorados e ambientación.

Na asignación de espazos, valorarase a decoración, ambientación e organización de actividades lúdicas e de animación que se propoñen nas inscricións, e no caso de que se queiran instalar “jaimas”, teñen que ser con materiais acordes e está prohibido facer buratos no chan para fixalas, debendo utilizar outros obxectos ou materiais que non danen o solo. Con respecto aos lumes e grellas, non se pode facer lume baixo toldos e outras zonas e elementos susceptibles de arder e as queimadas están prohibidas. Estas e outras normas poderán consultarse na propia oficina turística así como na páxina web e nas redes sociais do concello e dos organizadores.

En outubro de 2023 estaba todo preparado para celebrar a décima edición, pero as fortes choivas impediron a celebración da festa medieval que, segundo os organizadores, retoman agora en maio coa mesma forza e ilusión. A programación, como estaba previsto xa nese momento, incluirá artesáns, tiro con arco, obras teatralizadas e música itinerantes, entre outras propostas que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Ademais, desde a organización tamén manterán reunións de coordinación cos diferentes establecementos, que crearán os seus propios menús medievais.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio