Ángel Moldes visitou o funcionamento das ludotecas: “As necesidades das familias están no centro da nosa acción de goberno. Estes espazos son unha mostra do noso compromiso cos máis novos, que representan o futuro de Poio”. O programa concilia conta cun horario amplo e flexible durante todo o verán, entre as 7.30 e as 15.00 horas, o que permite unha compatibilidade real cos horarios laborais das nais e pais.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado polas concelleiras Natividad Torres e Natalia Sabarís, visitou este venres o CEIP Isidora Riestra, un dos tres Espazos Concilia que están a funcionar este verán, xunto aos colexios de Espedregada (Raxó) e Viñas (San Salvador). Estes espazos, que ofrecen máis de 1.000 prazas entre os meses de xullo e setembro, representan unha das principais apostas do Concello para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.
“As necesidades das familias están no centro da nosa acción de goberno. Estes espazos son unha mostra do noso compromiso cos máis novos, que representan o futuro de Poio”, destacou o rexedor, quen tamén puxo en valor que se trata “dun servizo pensado para o benestar das familias, nun concello cunha poboación xove e activa, onde este tipo de iniciativas son fundamentais para mellorar a calidade de vida”.
O programa concilia conta cun horario amplo e flexible durante todo o verán, entre as 7.30 e as 15.00 horas, o que permite unha compatibilidade real cos horarios laborais das nais e pais. Ademais de facilitar a organización familiar, ofrece tamén aos nenos e nenas horas de diversión, lecer e aprendizaxe en compañía doutros cativos. Hoxe, por exemplo, disfrutaron de xogos de auga e actividades e dinámicas ao aire libre.
O alcalde amosouse satisfeito co desenvolvemento das primeiras xornadas deste servizo estival: “Estamos moi contentos co funcionamento dos tres espazos, e agradecemos de maneira especial o traballo das concelleiras Natividad Torres e Natalia Sabarís, que están pendentes cada día de que todo transcorra con normalidade. O seu compromiso e dedicación son clave para o éxito deste programa”.
Desde o Concello tamén se quixo recoñecer a colaboración da Xunta de Galicia, que, a través do Plan Corresponsables, permite reducir de forma significativa o custo do servizo para as familias, establecendo un prezo de só 17 euros por quincena. “Poio é un dos concellos da contorna onde conciliar resulta máis accesible, tanto polo horario como polo custe do servizo. E iso foi posible grazas á colaboración da Xunta e a súa decisión de asumir a parte do financiamento que o Goberno central recortou a través do Ministerio de Igualdade a última hora, sen explicacións, e cando as subvencións xa estaban resoltas”, sinalou o alcalde.
Esta iniciativa reafirma o compromiso do Concello de Poio co apoio ás familias e coa educación e benestar da infancia, consolidándose como un referente na comarca en políticas de conciliación.