Os escolares de Poio, os mellores “aliados” para manter limpas dos excrementos das mascotas as rúas, parques e xardíns

03/04/2024

A través dunha campaña de sensibilización, están repartindo dípticos informativos e dispensadores de bolsas entre o alumnado dos colexios.

O Concello de Poio, coa colaboración de Purina e da Canceira, trasladou aos colexios do municipio a campaña de concienciación sobre a recollida e limpeza dos excrementos das mascotas nas rúas, parques e xardíns. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, están percorrendo estes días os centros escolares, acompañados polos cans Bruce e Luci e persoal e voluntarios da Canceira de Poio. Buscan “aliados” para manter limpo o municipio. “Ides axudarnos?”, preguntou Moldes esta mañá ao alumnado do CEIP de Lourido.

Para conseguir o obxectivo, están repartindo dípticos informativos e dispensadores de bolsas entre todos eles. Tamén estiveron nos colexios de Viñas e onte, no Isidora Riestra. Nos vindeiros días, continuarán co reparto nos centros de Chancelas e Espedregada. Recordan que os excrementos non só causan molestias e ensucian, tamén contaminan e poden provocar infeccións. “Cando encontramos unha caca na rúa ou no parque, non é culpa das nosas mascotas, é responsabilidade nosa como propietarios”.

Como futuros aliados, o alcalde encargoulles a tarefa de explicarlle ás súas familias, amigos e veciños que “con un xesto moi simple, gañamos todos e contribuímos á mellora da limpeza do noso entorno. Vós xa tedes as vosas bolsas, estou convencido de que ides facer un gran traballo”. Neste senso, asegura que a súa labor vai ser fundamental para conseguir os mellores resultados: “si conseguimos que adquiran ese hábito tan pequenos, vai ser un gran logro para o futuro”.

Ademais, aproveitaron a ocasión para poñer en valor a labor importante que está desenvolvendo a Canceira de Poio, que neste momento conta con trinta animais, como Bruce e Luci, que buscan unha familia “que os coide, respecte e os mime durante toda a súa vida”. Ademais, convidaron ao alumnado a participar nos paseos que se organizan os sábados pola mañá: “é unha grande experiencia para todos, para os que visitamos a canceira e, por suposto, tamén para os peludos”, engadiu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio