Tucho Muíños destaca que “estamos respondendo a unha reclamación histórica dos usuarios e clubs”, que dispoñen xa de espazos “cómodos e de calidade”.
Os novos vestiarios do campo de fútbol da Seca, en Poio, xa estarán en funcionamento esta fin de semana, dando resposta así unha reclamación histórica de clubs e usuarios para contar con espazos “cómodos e de calidade” sen necesidade de desprazarse a outras instalacións deportivas da contorna para cambiarse, como por exemplo o campo da Reiboa ou o ximnasio.
“Estamos respondendo a unha demanda que vén de lonxe por parte de todos os equipos e deportistas, tamén nosa cando formábamos parte da oposición, dotándoos duns vestiarios acordes ás instalacións do campo de fútbol da Seca”, sinala o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños. Así esta fin de semana, os clubs xa poderán estrear estes novos vestiarios que estarán dispoñibles tamén para os adestramentosa. Muíños explica que con toda a actividade que hai no campo, onde xogan moitas categorías de diferentes clubs locais e os adestramentos e partidos sucédense ao longo de todo o día, un vestiario resultaba totalmente insuficiente e obrigaba aos equipos a desprazarse ata outros espazos da contorna, unha molestia que empeoraba en días de choiva.
A partir de agora, contarán con dous novos vestiarios, un para o equipo local e outro para visitantes debaixo da grada, onde adaptaron o espazo onde estaban os antigos baños e a sede da SCD. Cada vestiario conta con duchas, zona para cambiarse con cambiadores e baño. Para este proxecto, o Goberno destinou máis de 40.000 euros, con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.
“Estamos apostando por mellorar e ampliar as instalacións deportivas municipais. Ademais de crear estes dous novos vestiarios, tamén se melloraron os problemas de condensación no pavillón de Lourido, ampliouse o horario e os controis de aforo no ximnasio municipal, asumimos a concesión da nave de piragüismo de Combarro para poder facer investimentos nesta instalación, e xa estamos traballando para crear unha pista multi-deporte en Vilariño”, engade.