É un dos campionatos máis veteranos na comarca, e combina deporte con actividades lúdicas, con xogos e inchables. Participan 48 equipos, 16 máis que o ano pasado, nas categorías benxamín e alevín.
Esta fin de semana celébrase o Torneo de fútbol 8 Juan López-Concello de Poio, que nesta décimo sexta edición reúne na Seca a 48 equipos nas categorías alevín e benxamín, 16 máis que na edición pasada. Un éxito de participación, con 800 nenos inscritos que participarán nunha xornada na que o importante é o deporte, pero que se mesturará con actividades máis lúdicas, xa que durante todo o día na contorna da Reiboa haberá tamén inchables e diferentes xogos.
O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, destaca a importante labor que o CFB Poio está facendo co deporte base, e animou aos participantes a gozar de toda a xornada. Así, recordou que o obxectivo destes días é fomentar valores de respecto, compañeirismo e hábitos de vida saudable. de Poio. “Este goberno aposta de xeito claro polo deporte, non só apoiando a base, senón tamén impulsando e colaborando coa celebración de eventos deportivos e mellorando e ampliando as instalacións deportivas municipais”, engade.
Os partidos comezarán ás 9.30 horas os dous días, xogando na primeira xornada do torneo os equipos da categoría benxamín e, o domingo, os alevíns. Haberá premios, ouro e prata, para os vencedores das dúas fases.