Ademais, o Concello de Poio tramitou máis de 400.000 euros en axudas e subvencións con outras administracións para fomento do emprego, que incluíu contratación de persoal para a prestación de servizos municipais e formación e capacitación dixital, entre outras.
O Concello de Poio, a través do Servizo de Orientación Laboral, atendeu durante o último ano preto de 800 persoas para apoialas na súa inserción e adaptación ao mundo laboral, facendo desde unha diagnose integral e orientación personalizada, ata proporcionándolle recursos para favorecer o desenvolvemento de habilidades, asistencia e apoio na busca activa de emprego. Unhas cifras que, ademais, se complementan coas ofertas laborais xestionadas a través do servizo de intermediación, no que se logrou a inserción laboral en 8 de cada 10 ofertas tramitadas neste tempo.
Con respecto a este servizo de intermediación, posto en funcionamento hai pouco máis de un ano, a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, subliña que “o obxectivo é conectar de xeito eficiente ás persoas candidatas coas ofertas e necesidades das empresas”. Así, ademais de analizar os perfís dos candidatos e os requisitos do posto, tamén se ofrecen programas de formación para mellorar as habilidades e capacitar ás empresas nos procesos de selección. “Os resultados están sendo moi positivos”, subliña. Esta iniciativa conta co perfil EmpregoenPoio nas redes sociais, que emerxeu neste tempo como unha “ferramenta esencial” na promoción do emprego e xestión do Servizo de Intermediación Laboral.
Con respecto á área de orientación, a maior parte das 800 persoas atendidas son persoas maiores de 45 anos, un 51% e, entre elas, o 64,3% son mulleres. Pero ademais do servizo de orientación, desde o Concello de Poio tamén se traballa na mellora da empregabilidade, con formacións para adquirir novas habilidades que, ademais, lles permiten afrontar con maior confianza e motivación os procesos de selección de persoal. Así, ademais de ofrecer asesoramento individualizado para mellorar as habilidades sociais, tamén se organizan cursos e formacións que inclúen competencias para mellorar a súa adaptación ao mercado laboral. Neste senso, durante o último ano organizáronse cursos para mellorar as competencias dixitais nos que participaron 215 participantes, ou mesmo en accións formativas con alta demanda de emprego, como por exemplo o curso de carnicería e charcutería impartido recentemente.
A concelleira subliña que “desde o Concello de Poio queremos apoiar e xestionar iniciativas e proxectos capaces de revitalizar a economía local, impulsar a cultura emprendedora e contribuír á creación de emprego no municipio. Ofrecer á cidadanía todas as facilidades e ferramentas que están ao noso alcalde para fomentar a inserción laboral e seguir reducindo as cifras de persoas en situación de desemprego no noso concello”. Maritxe González destaca que no último ano a taxa de paro descendeu un 9,26%, pasando de 807 a 743 persoas en situación de desemprego.
Por último, tamén incidiu tamén en que durante o ano pasado desde Promoción Económica se tramitaron axudas por valor de máis de 400.000€ con outras administracións para facilitar a contratación de persoal co que reforzar os servizos municipais ou a organización de cursos de capacitación dixital.