O servizo de intermediación laboral de Poio conseguiu unha inserción do 50% nos dous meses que leva funcionando

18/01/2024

O servizo de intermediación laboral do Concello de Poio está espertando grande interese entre persoas que buscan emprego pero, tamén, entre empresas de municipios da contorna que reclaman candidatos para as súas ofertas a través desta ferramenta.

En dous meses desde que se activou o perfil en redes sociais Empregoenpoio, xa se publicaron catorce ofertas de emprego -e dous máis están pendente de publicación- para as que xa se conseguiu un total de sete insercións, o 50% dos postos. “Os resultados están sendo moi positivos”, sinala a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, que amosa a súa satisfacción porque estase demostrando que é unha ferramenta útil para empresas pero, sobre todo, para as persoas que están en situación de desemprego porque favorece a comunicación entre empresas e demandantes de emprego do municipio. 

Toda a información está accesible no perfil de empregoenpoio en facebook e instagram, onde se pon a disposición das persoas interesadas ofertas de traballo e de formación actualizadas, de xeito que toda a información queda centralizada nun mesmo espacio para que a consulta sexa o máis rápida e áxil posible, pero tamén para que, no caso de que alguén estea interesado na oferta, se poida tramitar de xeito sinxelo.

Ademais de Poio, empresas de Sanxenxo, O Grove, Cambados, Pontevedra e incluso Vilagarcía xa solicitaron tamén a intermediación deste servizo para buscar persoal no municipio. O servizo de orientación laboral municipal pon en contacto directo ás empresas coa técnico e, posteriormente, cos traballadores que se adapten ao perfil, e viceversa.

As persoas demandantes de emprego e as empresas que teñan algunha praza que cubrir e estean interesadas en participar nesta iniciativa poden darse de alta no servizo de orientación laboral do Concello de Poio ou pedir máis información a través do propio portal nas redes sociais.

HISTÓRICO MÁIS BAIXO NOS DATOS DE PERSOAS EN SITUACIÓN DE DESEMPREGO

Desde o departamento de Orientación Laboral do Concello de Poio tamén destacaron que Poio rematou o ano 2023 co dato histórico máis baixo de persoas en situación de desemprego, un 9,83% con 775 persoas, nunha poboación de 17.276. Con respecto ao ano anterior, son 123 persoas menos. Con todo, a concelleira de Promoción Económica, sinala que “non nos conformamos con estas cifras, queremos poñer a disposición dos veciños todas as ferramentas posibles para seguir axudando na súa inserción laboral”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio