O roupeiro municipal de Poio consolídase entre os usuarios, atendendo máis de 80 peticións no seu primeiro ano

15/11/2024

Preto de 40 familias xa se benefician deste servizo, onde teñen a oportunidade de elixir directamente as prendas e enseres que se axustan ás súas necesidades.

O roupeiro municipal de Poio cumpre un ano de funcionamento e a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, fai un balance “totalmente positivo” do seu funcionamento, “non só porque está xa consolidado entre os usuarios, que están moi agradecidos porque lle prestamos unha axuda moi importante, senón tamén pola grande implicación de todas as persoas que fan as súas doazóns”.

Deste xeito, nestes primeiros doce meses de funcionamento este programa municipal xa atende a preto de 40 familias, que en conxunto fixeron máis de 80 peticións de roupa ou outro tipo de enseres neste tempo. Unhas visitas ao roupeiro que se realizan os martes, previa cita para salvagardar o seu anonimato e intimidade, e que co cambio de estación se intensifican. “É certo que aínda hai persoas que son algo reticentes a utilizar roupa de segunda man, pero esta opinión cada vez é máis minoritaria e, sobre todo, cambia cando visitan o roupeiro e comproban que son prendas que están en bo estado e que lles permite aforrar moitos cartos”, explica Torres. Neste senso, pon como exemplo que recentemente unha persoa usuaria puido atopar no roupeiro municipal a maior parte das cousas que precisaba para o nacemento do seu bebé, desde roupa ata a trona, as sabas e outros accesorios para os primeiros meses de vida.

“Todo isto é grazas á colaboración de moitas persoas que doan prendas e enseres que xa non utilizan pero que están en bo estado e poden ser útiles para outras persoas. A todas elas, estamos moi agradecidas porque, ademais, o habitual é que todo o que entregan está limpo e en perfectas condicións”, engade a concelleira, que sinala que a implicación “é tan grande que aínda hai prendas no almacén”. Con todo, recoñece que si hai algunha necesidade neste momento para repoñer roupa de neno de 10 a 16 anos. E un aviso para todas as persoas que doan as súas prendas: “é importante revisar todos os petos antes de facer as doazóns. Temos atopado xoias infantís, que por suposto están gardadas no departamento por si alguén as reclama”.

O roupeiro municipal de Poio está na Casa Rosada e funciona durante todo o ano. Desde a súa posta en funcionamento, en novembro de 2023, xa tiveron que ampliar o espazo para facelo máis confortable para os usuarios que, persoalmente, visitan o roupeiro e teñen a oportunidade de elixir segundo os seus gustos e necesidades. Estes usuarios son derivados directamente desde o Servizos Sociais municipais. O obxectivo é atender, apoiar e axudar ás familias con dificultades, ao mesmo tempo que fomenta e potencia o uso de roupa de segunda man. Ademais da concelleira, tamén se encarga destas tarefas Sheila Ferreira, a educadora familiar do Concello de Poio, “á que agradece o seu traballo e implicación”.

O roupeiro municipal non só axuda ás persoas que reciben as prendas, senón que tamén beneficia a quen busca un lugar no que desprenderse de roupa ou, incluso, outras pertenzas en bo estado pero que xa non lle son útiles e darlles así unha segunda vida. As doazóns pódense facer na Casa Rosada (polas tardes), e ademais de roupa e calzado, tamén poden facer entrega de roupa de cama, sillas e outros artigos para bebés, accesorios… Todo limpo e, moi importante, en bo estado.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio