A concelleira Natividad Torres agradece en nome das familias “a súa empatía, a súa humanidade e a súa solidaridade”.
O Tapea Poio organizado polo Concello de Poio continúa ofrecendo moi boas novas, nesta ocasión con sabor solidario. O restaurante Lameiriña, gañador da primeira edición do certame gastronómico coa súa proposta “Carrilleira ao estilo de Papá”, doou esta mañá a metade do seu premio para as familias en situación de vulnerabilidade do municipio.
Foi no Pazo Besada, onde a familia que rexenta o restaurante situado en Raxó entregou á concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, varios lotes de produtos de limpeza e de hixiene por valor de 750 euros, a metade do premio que recibiron ao ser a tapa máis valorada polos clientes. “Unha doazón que fai que este certame gastronómico sexa aínda máis especial”, sinalou Torres, que agradeceu en nome das persoas beneficiarias “a empatía, a humanidade e a solidaridade” de Carmen Agís e dos seus tres fillos, Gonzalo, Carmen e Cristina.
Neste senso, Natividad apunta que, desde o primeiro momento, se puxeron en contacto con Servizos Sociais para coñecer cales eran os produtos ou alimentos dos que había maior necesidade para facer a súa colaboración.
O primeiro certame de tapas de Poio celebrouse en outubro, contou coa participación de once establecementos de todo o municipio e repartiu máis de 6.000 euros en premios entre clientes e restauradores. No caso do restaurante Lameiriña, a súa tapa foi a máis valorada polos clientes e conseguiu o primeiro premio, consistente nun cheque de 1.500 euros no Cash&Carry Froiz.