Participan 52 clubs, 26 centros educativos e tres escolas deportivas municipais de toda Galicia.
Poio será mañá escenario do Campionato Galego de Cros Xogade, que se disputará na Seca entre as 10.00 e as 13.00 horas e reunirá a preto de 500 escolares de toda Galicia. O alcalde, Ángel Moldes, e o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, presentaron esta mañá a proba, destinada ás categorías alevíns, infantís e cadetes.
Ángel Moldes subliñou que “para Poio é unha ledicia ser a capital do cros escolar galego, cunha participación moi alta e que vai supoñer unha oportunidade e atractivo para seguir contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico do concello”. Nesta liña, indicou que as probas deportivas “son un gran desestacionalizador fóra da tempada de verán, cun gran retorno económico e por iso Poio aposta por atraer este tipo de eventos” que, indicou, van ter un protagonismo moi grande neste 2025, liderado por esa etapa da Volta Ciclista a España que sairá desde Combarro. Ademais, tamén se referiu á Gala de entrega dos premios da Federación Galega de Automobilismo, que tamén se celebrará mañá sábado na Seca, e que reunirá a máis de 500 persoas na festa do automobilismo galego.
Pola súa banda, Lete Lasa recordou que Xogade é unha iniciativa promocionada e financiada pola Xunta de Galicia co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlle aos escolares a posibilidade de practicar e competir con clubs e colexios de toda Galicia. Ademais, puxo en valor a proba final do campionato de cros galego de Xogade, que este ano bateu récord de participación na modalidade de cros, con máis de 43.000 escolares que participaron nas diferentes probas que se organizaron ao longo de 2024 e que remata con este campionato galego. “Xogade é un dos programas máis importantes que ten a Xunta, porque o deporte base é fundamental e, ademais, lles permite introducir e transmitir valores moi importantes que se manterán ao longo de tempo”, sinalou.
A proba reunirá a preto de 500 nenos e nenas de 52 clubs, 26 centros educativos e tres escolas deportivas municipais de toda Galicia. As carreiras organizaranse por categoría e por xénero na contorna da Seca. Ás 11.00 horas comezará a categoría cadete feminina, nunha distancia de 3.000 metros, seguida da cadete masculina co mesmo percorrido. Posteriormente, serán as categorías infantil feminina e masculina, respectivamente, nunha distancia de 2.500 metros, para rematar os alevíns feminina e masculina, nun circuíto de 2.000 metros.
Entregaranse medallas aos tres primeiros clasificados individuais de cada categoría e os tres primeiros equipos de cata categoría recibirán tamén un trofeo. Na categoría cadete, as tres primeiras persoas clasificadas na categoría feminina e masculina representarán á selección galega no nacional de cros escolar que se celebra a finais de xaneiro en Madrid.
PLANO DE ACTIVIDADE