O programa “Cóllelle o gusto” organiza talleres de vidro, cestería, macramé, quilling e bonecas de papel

10/02/2025

Aberto o prazo para anotarse á escapada termal que o Concello de Poio organiza a Monçao.

O Concello de Poio ofrece novas propostas de lecer e lúdicas para a veciñanza, entre as que se inclúen o programa “Cóllelle o gusto”, con talleres para espertar o gusto por novas manualidades e actividades, pero tamén baile con música en directo este venres ou unha escapada termal a Monçao en abril, nestes dous casos destinadas para as persoas maiores.

A través do programa “Cóllelle o gusto”, organizaranse na Casa Rosada talleres de vidro e cestería, quilling, bonecas de papel ou macramé. Unha iniciativa que ofrece diferentes obradoiros “que supoñen unha oportunidade para probar e descubrir novas afeccións, ao mesmo tempo que se comparte tempo de lecer con outras persoas”, explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres.

A primeira actividade do programa será o 28 de marzo, un taller de cesteiría e vidro, no que se elaborarán decoracións para adornar as botellas. O obradoiro de quilling, que consiste en enrolar tiras de papel para crear deseños decorativos, organizarase o 25 de abril. En maio impartirase un obradoiro de Bonecas africanas con papel de periódico, o venres 23 e, por último, o obradoiro de plumas con macramé celebrarase o 13 de xuño. Todas as actividades organizaranse en horario de tarde, entre as 17.00 e as 21.00 horas e o prazo de inscrición xa está aberto no Pazo Besada ata completar as prazas dispoñibles.

BAILE CON MÚSICA EN DIRECTO NA CASA ROSADA

Ademais destes obradoiros, este venres, 14 de febreiro, Benestar e Igualdade organiza un baile con música en directo na Casa Rosada, unha sesión lúdica destinada para persoas maiores con entrada de balde. O baile comezará ás 17.00 horas, e inclúese dentro da proposta do Concello de Poio por ir organizando sesións de música en directo itinerantes polas diferentes parroquias, co consenso dos diferentes colectivos e maiores.

ESCAPADA TERMAL A MONÇAO

Tamén para as persoas maiores, o Concello de Poio abre o prazo para anotarse á escapada termal a Monçao, que se realizará entre o 7 e 11 de abril. Trátase dunha excursión que inclúe unha estancia de cinco días e catro noites, nun dos balnearios de referencia de Portugal. A inscrición será de 260 euros, para cubrir os gastos de aloxamento, pensión completa e acceso ao clube termal, ademais doutros servizos.

As persoas interesadas poden anotarse no Palacete de Besada, no teléfono 986 872 401 ou no enderezo electrónico benestarsocial@concellopoio.org e daráselle preferencia ás persoas maiores empadroadas no municipio.

OBRADOIRO DE POESÍA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

Por outra banda, tamén este venres 14, coincidindo coa celebración do Día dos Namorados, a Biblioteca Municipal de Poio organiza un obradoiro para a rapazada maior de 7 anos no que elaborarán tarxetas para agasallar ás súas amizades e familiares. A partir dunha mostra bibliográfica de poesía de temática amorosa, seleccionarán un pequeno fragmento que incluirán na súa tarxeta.

Ademais, polo Día da Lingua Materna o día 21, organizarase o contacontos “Bo camiño”, actividade para a que non é preciso inscribirse previamente. Será ás 17.30 horas na biblioteca. O Día da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar sobre a importancia dos idiomas e da función vital que desenvolven.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio