O Porto Deportivo de Combarro moderniza as súas instalacións con fondos Next Generation

06/03/2025

Tras comprobar as melloras cos responsables do Porto e de Asnauga, Rocío Cochón subliña o potencial do turismo náutico para seguir consolidando Poio como un destino único e de calidade os 365 días do ano.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, visitou esta semana o Porto Deportivo de Combarro para comprobar os traballos de modernización realizados co financiamento de fondos europeos Next Generation ao abeiro dun convenio entre Turismo de Galicia e a Asociación de Náuticos de Galicia (ASNAUGA). A edil estivo acompañada polo presidente de Asnauga, Javier Ruiz de Cortázar, o capitán do porto, Manuel Martínez e o xerente de Combarromar S.A., a empresa concesionaria das instalacións portuarias, Juan Luis Patón.

Durante a visita, coñeceron as melloras realizadas, consistentes na substitución do solo do pantalán principal por materiais sustentables, así como a instalación dun sistema intelixente de control de enerxía nas torretas de servizo das embarcacións. O investimento, por importe de 58.000 euros, foi posible grazas a un convenio entre Turismo de Galicia e ASNAUGA para promover a innovación, a sustentabilidade e a competitividade dos portos deportivos galegos que permitirá mobilizar máis de 3 millóns de euros de fondos europeos en toda Galicia.

Como explicou o presidente de Asnauga, Javier Ruiz, na primeira das actuacións, substituiuse a madeira do pantalán de distribución por 394 m² dunha ecotarima máis duradeira e eficiente, fabricada con 95% de materiais reciclables. A nova superficie permite diminuir custes e reducir a pegada de carbono, contribuindo a protexer o medio ambiente.

A segunda mellora consistiu na instalación dun innovador sistema de control intelixente dos consumos de enerxía nas torretas que dan servizo ás embarcacións atracadas na rada. O sistema, instalado en 57 torretas, permite aos usuarios consultar o consumo de electricidade da súa embarcación, conectar ou desconectar o servizo e recibir alertas en caso de corte de subministro, todo desde os seus dispositivos móviles, o que permite evitar avarías, perdas de alimentos e mesmo posibles incendios nas embarcacións.

O sistema tamén permite aos propios xestores do porto optimizar o gasto enerxético, detectar e solucionar calquera funcionamento incorrecto e coñecer en todo momento o subministro en cada torreta, promovendo un consumo responsable, indicou Ruiz de Cortázar.

Pola súa banda, Cochón destacou a oportunidade que supón para Poio a mobilización destes fondos europeos por parte da Xunta de Galicia e Asnauga, “impulsando a eficiencia enerxética, a dixitalización e a sustentabilidade nunha instalación que xa é referente europea en calidade, co máximo distintivo europeo de cinco áncoras de ouro”.

Cochón destacou o potencial do turismo náutico para seguir consolidando Poio como destino internacionalizado e desestacionalizado, recordando que o Porto Deportivo de Combarro foi líder da provincia en tránsitos durante 2024, con máis de 600 embarcacións de 14 países, un crecemento anual do 6% e unha porcentaxe moi elevada de usuarios estranxeiros.

Este ano, ademais, estará no centro de grandes eventos, como a visita en verán do centenario club de navegación irlandés Irish Cruising Club, con máis de 100 embarcacións dese país.

“O turismo náutico é clave na estratexia de Poio como destino único e de calidade para os 365 días do ano”, explicou Cochón: “O mar forma parte da nosa identidade e a través del moitísimos visitantes nos coñecen e desfrutan. A partir de agora poderán facelo nunhas instalacións aínda máis modernas, con aínda mellores servizos e impulsando a sustentabilidade”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio