Organizáronse actividades de fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box, gastronomía saudable, xogos educativos, talleres de graffiti e showcooking; ofreceuse información de interese para a mocidade e rematou coas actuacións dos artistas locais Sito Flores e Maek.
O Porto de Raxó encheuse esta tarde de actividades e propostas de ocio saudable e alternativo destinadas para a mocidade. Aproveitando o bo tempo e a afluencia de bañistas ás praias de Raxó e de Siorto, que onte izou a Bandeira Azul, Concello de Poio e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado celebraron o Día da Xuventude.
Desde as 16.00 horas, organizáronse actividades de fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box, gastronomía saudable, xogos educativos, talleres de graffiti e showcooking. Ademais, ofreceuse tamén información de interese para a mocidade, con recursos e sensibilización medio ambiental, de respecto e fomento da igualdade, e recomendacións para favorecer as habilidades para a empregabilidade… Incluso a Escola de Canteiros de Poio se achegou para ofrecer información sobre os novos ciclos formativos que se van poñer en marcha o próximo curso escolar. E como colofón para unha tarde de moita diversión, incluíronse as actuacións musicais dos artistas locais Sito Flores e Maek.
A concelleira de Xuventude, Tamara González, subliñou que “este tipo de iniciativas son importantes para presentar aos máis novos alternativas de ocio coas que pasar un tempo moi divertido, de forma saudable, nun ambiente respectuoso e, ademais, nunha contorna inmellorable”. Así, agradeceu a toda a mocidade que se achegou para participar nas actividades que se ofreceron de xeito gratuíto, e amosouse convencida de que “non só serviron para gozar dunha tarde lúdica, senón que de seguro se levan con eles información e contidos interesantes que vanlles ser moi útiles”.
Este programa aséntase en cinco obxectivos: facilitar á mocidade a posibilidade de participar nun programa de actividades lúdico-formativas que contribúa ao seu enriquecemento persoal mediante aprendizaxes non formais; fomentar a participación, o ocio e o lecer saudable; transmitir valores a través de actividades que requiran do traballo en equipo, colaboración mutua e que fomenten o respecto, a igualdade, a inclusión e o espírito deportivo; achegar información dos programas que desenvolve a Xunta de Galicia destinados á mocidade; e ampliar as ferramentas de conciliación e espazos de coidado a disposición das familias galegas.