O pleno aproba por unanimidade o proxecto de reurbanización da Barca, cun investimento de 1,7M€ para transformar a entrada a Poio

28/05/2025

Luz verde á estrutura de custes e ordenanza reguladora da prestación do servizo, como pasos previos á licitación do contrato da auga, que inclúe investimentos de máis de 15M€.

A corporación municipal de Poio aprobou por unanimidade o proxecto de reurbanización da PO-308, na Barca, que conta cun investimento de 1,7M€ para transformar a entrada a Poio. Foi na sesión plenaria do mes de maio, que se celebrou onte, e na que o alcalde, Ángel Moldes, indicou que se trata da primeira fase da humanización, que inclúe traballos entre a Ponte da Barca e o punto quilométrico 0+480, no Casal de Ferreirós.

“É un proxecto do que estamos moi orgullosos, tanto pola súa calidade como pola transformación que vai supoñer para San Salvador. É un investimento moi importante e necesario para unha das zonas urbanas máis transitadas de Galicia”, defendeu Moldes.

O acordo plenario incluíu aprobar o proxecto así como os pregos que rexen a licitación e os documentos anexos, dispoñendo a apertura do procedemento aberto simplificado con tramitación ordinaria unha vez que se publique o anuncio no Perfil do Contratante do Concello de Poio, nos vindeiros días. A partir dese momento, as empresas poderán presentar as ofertas para optar a un proxecto que, seguindo o cronograma establecido, comezará a executarse a partir do paso de La Vuelta por Poio, no mes de setembro.

Tamén por unanimidade do pleno, e seguindo o informe do enxeñeiro municipal, aprobouse o gasto plurianual do proxecto, que contempla 458.616,65 euros (un 26% do proxecto) este ano, e 1,3 M€ (o 73%) en 2026.

Por outra banda, na sesión de onte o Goberno deu luz verde á estrutura de custes e á ordenanza reguladora da prestación do servizo, como pasos previos á licitación do novo contrato da auga, que inclúe investimentos de máis de 15M€. Ángel Moldes destacou que “estamos convencidos de que este é un bo contrato da auga para os veciños e veciñas de Poio”, e apuntou que “vai ser histórico que un veciño de Vilariño vaia ter saneamento e non teña que baleirar o seu pozo negro ou que en lugar de auga do monte vai ter auga municipal. En Fragamoreira ter saneamento e auga tamén vai ser un feito histórico, como o vai ser na Caeira non ter dúbidas ás 8.00 da mañá si se van poder duchar ou non”, en referencia ás actuacións recollidas no contrato da auga e que se van a executar desde o primeiro ano.

Estes dous documentos, que contan con todos os informes favorables dos técnicos municipais, son paso previo e imprescindible antes de iniciar o proceso de licitación e adxudicación.

Con respecto á estrutura de custes da actividade, explicou que se cumpriu o procedemento establecido: solicitouse unha proposta de custes a oito operadores do sector -a lei marca que como mínimo sexan cinco- e elaborouse baixo criterios técnicos e desde a proximidade á realidade do servizo de Poio. O documento establece a base económica que sustentará o futuro contrato, incluíndo os gastos de persoal, mantemento e conservación da rede, controis de calidade da auga, compra da auga, xestión de residuos, enerxía eléctrica e outros custes, así como os investimentos a realizar nos primeiros anos de contrato para ampliar a rede destes servizos básicos en todo o municipio.

A ordenanza reguladora da prestación do servizo de abastecemento e saneamento non se aplicará ata que entre en vigor o novo contrato da auga, e inclúe a tarifa que deberán aboar os usuarios e que diferencia segundo os tipos de usos, de xeito que un particular non abona o mesmo que un uso comercial ou industrial, tanto na rede de sumidoiros como de saneamento. No que respecta aos domésticos, a cota fixa establecerase en 7,43 euros para o abastecemento de auga (na actualidade pagan 8,38 euros) e para a rede de sumidoiros o prezo fixo pola prestación do servizo para os usos domésticos será de 14,74 euros (agora o recibo é de 15,32 euros).

Desde o Goberno local sinalaron que é unha prioridade seguir dando pasos para completar toda a xestión previa a licitar este contrato da auga e solucionar unha situación herdada, cunha empresa que traballa en precario desde hai sete anos, sen posibilidade de executar ningunha das actuacións necesarias para mellorar, repoñer e investir na rede de servizos básicos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio