O Pazo de Besada acolleu onte pola tarde o acto de clausura do programa Saudemente, no que participan arredor de 150 persoas maiores procedentes de todas as parroquias do municipio. Esta iniciativa, que se desenvolve ao longo de todo o curso escolar, lévase a cabo de forma itinerante na Casa Rosada, A Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira e Vilariño.
O acto contou coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, que destacaron a importancia deste tipo de programas para fomentar a socialización, o benestar emocional e o envellecemento activo a través de actividades como o exercicio físico e os talleres de memoria. Moldes puxo en valor o papel fundamental das persoas maiores no tecido social do municipio: “Falamos dunha etapa da vida na que, tras o cesamento da actividade laboral, moitas persoas poden experimentar unha perda de rutinas e relacións sociais, e por iso é fundamental crear espazos amigables que favorezan as relacións e a participación, contribuíndo deste xeito a mellorar o seu benestar e calidade de vida”. O alcalde tamén destacou que «desde o Concello queremos construír un Poio no que a idade non sexa un obstáculo para participar, para compartir ou para seguir aprendendo. A experiencia das persoas maiores é un valor incalculable que temos a responsabilidade de coidar, escoitar e integrar». Ademais, engadiu que “a aposta por iniciativas como esta responde a un compromiso firme coa igualdade e coa promoción dun envellecemento activo e saudable”.
Durante a xornada entregáronse diplomas a todas as persoas participantes, como recoñecemento polo seu compromiso e implicación ao longo do curso. Ademais, realizouse unha mención especial a aquelas que superan os 90 anos, distinguíndoas co galardón Orgullo de Vida.