O ORZAMENTO PARA 2024 AUMENTA A 300.000 EUROS O APOIO AO TECIDO ASOCIATIVO DE POIO

14/01/2024

2023.

O orzamento do Concello de Poio para o ano 2024 aumenta ata os 295.739,36 euros a partida destinada para apoiar a todo o tecido asociativo municipal. Un orzamento que se incrementa en case un 8% este ano e que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, “é unha clara aposta do Goberno para apoiar aos nosos colectivos e toda a actividade que organizan ao longo do ano que repercute, de xeito directo, nunha mellora calidade de vida e benestar da nosa veciñanza”.

Dentro destas partidas, inclúense as axudas para as entidades sociais e igualdade, así como para educación, clubs deportivos, funcionamento das escolas deportivas municipais, cultura, a canceira e para os eventos lúdicos e festexos que organizan as entidades veciñais ou doutro tipo ao longo do ano. Neste último caso, a partida total tamén aumenta ata os 64.100 euros que se repartirán, exclusivamente, por concorrencia competitiva garantindo así criterios de igualdade na súa concesión. Deste xeito, e facendo caso dos informes emitidos pola propia interventora nos últimos anos, inténtase eliminar esas “subvencións en especies”, nas que o concello aprobaba como gastos propios os que se ocasionaban nas actividades organizadas por colectivos, pero tamén para evitar os problemas cos que se atopaban algunhas asociacións que no momento de xustificar as axudas. Así, as entidades que queiran organizar algunha actividade ao longo do ano, deberán presentar un proxecto que se valorará cuns criterios exactamente iguais para todos.

Para 2024 tamén aumentan as axudas que o Concello de Poio destinará para fomentar o deporte base, incrementando así as aportacións que outorga aos clubs polo funcionamento das escolas deportivas municipais, que este curso contan con máis alumnos inscritos. En total, para deporte resérvanse 157.630 euros.

Con respecto a Educación, para subvencións resérvanse 2.200 euros, ás que habería que engadir 38.000 euros que o Concello de Poio outorga para os comedores escolares e, deste xeito, reducir o prezo que as familias pagan polo menú.

Para Cultura, a cantidade ascende a 35.050 euros, cifra na que non están incluídos os 16.000 euros do Plan Músico Cultural e que beneficia ás agrupacións locais. E para entidades sociais e de igualdade, 15.759,36 euros, mentres que a Canceira recibe 20.000 euros para sufragar os gastos de funcionamento.

Ángel Moldes explica que “neste orzamento de transición que presentamos para 2024 tiñamos clara a nosa aposta por apoiar todo ese tecido asociativo que hai no noso concello, un tecido asociativo moi importante, non só pola cantidade de asociacións e entidades, senón polo dinamismo da actividade que organizan durante todo o ano”. Nesta liña, indica que a finalidade é axudar e facilitar todas as iniciativas, actividades e programa destes colectivos, e recorda que o Concello de Poio fai un esforzo importante para aumentar estas partidas e apoiar a cada un dos colectivos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio