O Internacional de Xadrez APECR reunirá o sábado a preto de 200 participantes en Poio

05/07/2024

Xogarase durante todo o día no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó

Preto de 200 xadrecistas se darán cita este sábado, 6 de xullo, no Centro Cultural Xaime Illa para disputar o Internacional APECR 2024, un torneo organizado por Dan Cruz, Luís Fraga e Pablo García e co que colabora o Concello de Poio.

Aínda que o prazo de inscrición non está pechado, actualmente xa hai unha decena de xogadoras de Poio anotados. Ata Raxó, achegaranse xogadores de toda Galicia, con presencia de grandes clubs como Fontecarmoa ou Xadrez Mos, e incluso hai algún participante internacional. É un torneo totalmente inclusivo, xa que disporá de material adaptado para xogadores con discapacidade visual que lle permitirá competir na mesma modalidade que o resto de participantes, e aberto para toda a cidadanía, independentemente da súa idade. De feito, o benxamín do torneo acaba de cumprir 7 anos e lévase unha diferencia de 83 anos coa participante de máis idade inscrita.

Este torneo nace cun dobre obxectivo: por unha banda, actualizar e recuperar o Open Concello de Poio que se facía a principios dos anos 2000, que era un torneo internacional de nove días moi importante do Circuíto Galego. E, por outra, facerlle unha homenaxe a Alberto Eyo Castro-Rial, con lazos importantes que o vencellan a Poio e a Raxó, que finou hai uns meses e que era un rapaz moi coñecido e querido na comunidade xadrecista galega. É por iso que o torneo leva as súas iniciais no nome.

O Internacional de Xadrez APECR 2024 é un torneo oficial da Federación Galega de Xadrez. Válido para ELO FIDE de ritmo rápido, e constará de 9 roldas 10’+5″ en sistema suízo que se disputarán todas o sábado, catro pola mañá (desde as 11.00 horas) e cinco pola tarde (a partir das 16.15 horas).

Haberá unha clasificación única absoluta, nas que se repartirán máis de 400€ de premios en metálico, e premios e recoñecementos especiais para as categorías feminina, sub-8, sub-10, sub-12, sub-14, sub-16 e local.

VERÁN DEPORTIVO

Por outra banda, o sábado 6 e domingo 7 de xullo dispútanse os torneos de volei praia, dentro do Verán Deportivo na praia de Lourido. O sábado será competición federada nas categorías sénior masculina e feminina e sub-21 masculina-feminina. Esta proba está incluída no circuíto Vichy Catalán volei praia galego, e é proba homologada para puntuar no ránking nacional. O domingo reservarase para a categoría amateur masculino, feminina ou mixta.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio