Celebrarase durante todo o día no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó.
Máis de 230 xadrecistas daranse cita mañá, sábado día 5, no II Internacional APECR-Concello de Poio, que se celebra no CC Xaime Illa, en Raxó. Unha cita que supera de xeito importante a participación do ano pasado, e que contará con xogadores de toda Galicia, con presencia de grandes clubs como Fontecarmoa ou Xadrez Mos, e incluso hai algún participante internacional. De Poio hai dez persoas inscritas. É un torneo totalmente inclusivo, xa que disporá de material adaptado para xogadores con discapacidade visual que lle permitirá competir na mesma modalidade que o resto de participantes, e aberto para toda a cidadanía, independentemente da súa idade. De feito, destaca a importante participación de menores, con máis de 70 inscritos.
O Internacional de Xadrez APECR 2025 é un torneo oficial da Federación Galega de Xadrez. Válido para ELO FIDE de ritmo rápido, e constará de 9 roldas, con un ritmo de xogo de 10 minutos máis 5 segundos de incremento por xogada en sistema suízo que se disputarán todas o sábado, catro pola mañá e cinco pola tarde. Disputarase nas categorías absoluta, feminina, Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e Local, que repartirán máis de 400€ de premios.
Este torneo naceu en 2024 da colaboración entre Dan Cruz, Luís Fraga e Pablo García co Concello de Poio, e fíxoo cun dobre obxectivo: por unha banda, actualizar e recuperar o Open Concello de Poio que se facía a principios dos 2000, que era un torneo internacional de nove días moi importante do Circuíto Galego. E, por outra, facerlle unha homenaxe ao seu amigo Alberto Eyo Castro-Rial, con lazos importantes que o vencellaban a Poio e a Raxó, que finou hai o ano pasado e que era un rapaz moi coñecido e querido na comunidade xadrecista galega. É por iso que o torneo leva as súas iniciais no nome.