O I TapeaPoio finaliza con gran resposta do público e cunha importante repercusión, que auguran a súa continuidade en 2025

14/10/2024

A iniciativa “superou as expectativas”, cumprindo o obxectivo de poñer en valor a calidade e variedade da oferta gastronómica de Poio fóra de tempada e, “o que é máis importante, deixar un bo sabor de boca a hostaleiros, veciños e visitantes”.

O Concello de Poio fixo hoxe un balance moi positivo da I edición do Certame Gastronómico “TapeaPoio”, rematado este domingo despois de dez días de gran acollida.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, destacou a satisfacción que lle transmitiron os responsables dos once establecementos participantes, que confirmaron unha moi boa resposta do público e unha importante repercusión, tanto en reservas como en promoción turística e proxección.

Así, a práctica totalidade dos restauradores indicou que o volume de clientes que se interesaron polas tapas foi “moito maior do agardado”, destacando un gran número de persoas de Poio e de toda a contorna que descubriron os distintos establecementos por primeira vez grazas ao certame.

Cochón mostrou a súa absoluta satisfacción ao constatar que os propósitos de poñer en valor a calidade e variedade da oferta gastronómica de Poio, así como dinamizar o sector, incentivando que bares e restaurantes permanezan activos fóra de temporada víronse “totalmente cumpridos” , xunto co obxectivo máis importante: “deixar un excelente sabor de boca a hostaleiros, veciños e visitantes”.

Ademais, explicou que a gran maioría de participantes xa confirmaron que repetirán o ano que vén, e moitos outros que non participaron este ano mostraron a súa intención de tomar parte en futuras edicións, polo que “xa podemos confirmar que TapeaPoio terá continuidade en 2025”.

Un dos grandes atractivos do Certame foi a importante dotación de premios para hostaleiros e clientes, en moitos casos percorreron, con familia ou amigos, os distintos establecementos para degustar e votar por cada tapa. Cochón subliñou que neste momento estanse recompilando todos os datos da organización, así como preparando o sorteo dos premios ao público, que se realizará durante esta semana e se irán comunicando aos gañadores nos próximos días.

Estes premios, xunto cos galardóns ás tres tapas máis valoradas polo público, entregaranse o próximo día 25 de outubro no Pazo de Colón, nun acto que servirá tamén como unha celebración “do gran nivel da gastronomía poiense e dos nosos profesionais”.

No acto daranse a coñecer os establecementos máis votados polo público, que recibirán cheques de 1.500, 900 e 500 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio, cortesía de Supermercados Froiz. Así mesmo, tamén se entregarán os premios ao público, que inclúen cestas de Froiz, lotes gourmet de Conservas Pescamar, aloxamento no Hotel Villa Covelo e o Hotel Apartamento RD, viaxes en Cruceiros Pelegrín e Mar de Ons, e menús degustación nos restaurantes Pepe Vieira e Casa Solla, e contará coa presenza de autoridades, representantes dos establecementos colaboradores e o sector de hostalería e restauración de Poio.

“O 25 de outubro entregaremos eses 6.000 euros en premios e celebraremos xuntos que somos un destino gourmet, xunto cos fantásticos profesionais de Poio”, rematou Cochón: “Pola nosa banda, os comentarios que me transmitiron persoalmente os participantes de que están moi contentos, que serviron moitas tapas e que consideran TapeaPoio un éxito, ese é para nós o maior premio que podemos recibir”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio