Houbo problemas no subministro na Caeira, Lourido, Campelo, Raxó, San Xoán… Destacan que o novo contrato permitirá investir máis de 15M€ nos catro primeiros anos para mellorar estes servizos básicos en todo o municipio, priorizando actuacións na Caeira, Vilariño e Fragamoreira xa no primeiro ano de vixencia.
O Goberno local sinala que as avarías que está sufrindo a rede de abastecemento municipal nas últimas semanas evidencian a necesidade, urxencia e importancia de contar co novo contrato da auga. Como exemplo, sinalan que desde o 28 de maio, cunha avaría en Chancelas, sucedéronse varios incidentes en Raxó (29 de maio), A Caeira (nas rúas Illa de Tambo, o 31 de maio, e Río Miño, o 10 de xuño), Lourido (o 10 de xuño e 31 de maio), Camiño do Penedo (10 de xuño), Avenida de San Xoán (9 de xuño)… deixando sen subministro a moitos veciños durante varias horas. Unhas roturas que son constantes e frecuentes principalmente en lugares como Lourido e A Caeira, e que para o Goberno, segundo indica o alcalde, Ángel Moldes, son o exemplo máis claro das consecuencias e, tamén da irresponsabilidade, que provoca estar durante sete anos cun contrato prorrogado e caducado.
Nesta liña, explica que estar durante todos eses anos cun contrato da auga prorrogado e caducado significa que a única responsabilidade da empresa concesionaria é facer labores de reparación e de mantemento, pero non teñen a obriga de realizar obras de gran calado para dar resposta de xeito definitivo aos problemas que hai nestas zonas. “Co novo contrato de auga, non só regularizamos unha situación que resultaba insostible e precaria desde hai xa moito tempo, senón que tamén estamos ofrecendo solucións e dando resposta a carencias históricas en zonas rurais con gran poboación que, a día de hoxe, continúan sen ter conexión de saneamento e abastecemento de auga ás súas vivendas ou que sofren avarías constantes na rede”, destaca. Así, recorda que o novo contrato prevé máis de 15M€ en investimentos históricos para completar e mellorar estes servizos básicos.
Neste senso, di que para este Goberno o contrato da auga “é unha absoluta prioridade” e por iso “desde o minuto un comezamos en traballar para solucionar carencias e problemas na rede de servizos básicos en diferentes lugares do municipio”. Así, asegura que os cortes de auga, as roturas, as avarías, as zonas de Poio que continúa sen auga e sen saneamento… son razóns máis que xustificadas para entender a prioridade que ten o novo contrato da auga. “Fronte ás críticas e mentiras irresponsables de BNG e PSOE, este tipo de inconvenientes e problemas, que provocan que haxa veciños que estean máis de seis horas sen auga son motivos máis que suficientes para aprobar canto antes o novo contrato da auga”, engade.
Ademais, destaca que este novo contrato permitirá tamén desbloquear o desenvolvemento do polígono industrial de Fragamoreira, ao dar resposta a cuestións clave que impedían avanzar, como a subministración de auga ou a xestión dos residuos. Estes aspectos quedan resoltos grazas a este documento, que inclúe entre os investimentos previstos a construción dun novo depósito no Sartal.
Neste momento, a estrutura de custes do novo contrato, que se aprobou no pleno de maio, está en exposición pública ata o 10 de xullo.
MÁIS DE 15M€ DE INVESTIMENTOS NOS PRIMEIROS 4 ANOS DE CONTRATO
O novo contrato de auga do Concello de Poio inclúe investimentos históricos para ampliar a rede de saneamento e abastecemento de auga en lugares que a día de hoxe continúan carecendo destes servizos básicos ou cuxas redes están moi obsoletas. Así, destinará 15,4M€ para mellorar estes servizos en varios lugares do municipio, dándolle desde o Goberno local prioridade ás zonas de Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos importantes de poboación que carecen de saneamento e abastecemento de auga, así como á zona da Caeira, onde as roturas son constantes debido ao mal estado da rede.
Segundo o cronograma que se inclúe, estes investimentos realizaranse ao longo dos catro anos iniciais do contrato. Así, no primeiro ano investirase 4,6M€ para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons. No segundo ano, o investimento superará o 3,4M€, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal.
No ano tres, destinaranse 2,3M€ para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia. Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3M€, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.
Todas estas son actuacións de obrigado cumprimento no novo contrato e, a maiores, entre as melloras incluirase tamén o novo depósito ETAP e conexión no Sartal, cun orzamento de 3,8M€.