O Goberno reafirma o seu compromiso para apoiar ás familias numerosas de Poio

26/02/2024

Ángel Moldes reuniuse cos presidentes das federacións nacional, autonómica e provincial.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira Rocío Cochón reuníronse co presidente da Federación Española de Familias Numerosas, José Manuel Trigo, co presidente da Asociación Galega, Luis Sánchez, e co delegado por Pontevedra, Vicente Domínguez, para reafirmar o seu compromiso e apoio ás máis de 200 familias que forman parte deste colectivo no municipio.

Durante o encontro, Moldes sinalou que o Goberno é consciente de que investir nas familias é investir no futuro do concello, e por iso aposta por impulsar medidas que favorezan o respaldo a todas as familias que residen en Poio, e en particular ás numerosas.

Nesta liña, o alcalde asegurou que desde o Goberno están traballando para dar pasos cara diante para converter Poio nun concello familiar, con políticas e medidas para facer que sexa un lugar para que as familias se establezan, vivan e fagan a súa vida. Moldes indicou que a pegada do novo Goberno xa se está percibindo, coa primeira redución de impostos e taxas das últimas décadas, coa posta en funcionamento do comedor escolar no CEIP Isidora Riestra, cunha ampla programación cultural e festiva destinada para as familias, ou coa ampliación das ludotecas de verán ata o inicio do curso escolar, etc. “Son pequenas decisións que marcan unha tendencia e, desde logo, este é o camiño que iniciamos e que imos continuar nos vindeiros anos”.

Así, recordou que a folla de ruta será o compromiso asinado con estas asociacións hai uns anos, e que incluía “medidas xustas, realistas e necesarias” para dar apoio ás familias numerosas e atender ás súas peticións. Entre estas medidas inclúense, por exemplo, beneficios fiscais para as familias numerosas, servizos que favorezan a conciliación familiar, mellora das zonas de lecer e ampliación da programación infantil ou familiar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio