O Goberno local leva mañá ao pleno a adxudicación do novo contrato da auga de Poio

28/09/2026

Gestagua-Prace-Ingeser foi a empresa que acadou a maior puntuación na mesa de contratatación, cun total de 90,39 puntos. O contrato ten un valor de 54,8 millóns de euros e contempla investimentos por 15,4 millóns para ampliar e mellorar as redes de saneamento e abastecemento.

O Goberno local levará mañá, martes, ao pleno ordinario de setembro a proposta de adxudicación do novo contrato do servizo de abastecemento e saneamento de auga de Poio. A oferta presentada por Gestagua-Prace-Ingeser, que acadou a maior puntuación na mesa de contratación cun total de 90,39 puntos, é a proposta para asumir a prestación dun servizo que terá unha duración de 25 anos e que permitirá executar 15,4 millóns de euros en investimentos para ampliar e mellorar as redes municipais.

O alcalde, Ángel Moldes, pon valor que “estamos ante un dos contratos máis importantes deste mandato, tanto pola súa dimensión económica como polo impacto que vai ter na calidade de vida da veciñanza. Mañá damos un paso decisivo para poñer en marcha 15,4 millóns de euros en investimentos e comezar a resolver necesidades que Poio leva anos arrastrando”.

O procedemento contou cunha elevada concorrencia, con once empresas que presentaron as súas ofertas para xestionar o servizo. O contrato ten un valor estimado de 54,8 millóns de euros. Segundo os datos manexados polo Concello, ningún outro concurso destas características convocado en España nos últimos doce anos recibiu tantas ofertas como o de Poio, unha circunstancia que para o alcalde, é unha mostra clara da transparencia e da xestión do proceso: “Que once empresas presentasen ofertas para prestar este servizo non é casualidade. É o resultado dun contrato moi traballado, cunhas condicións atractivas e dun procedemento no que primaron o rigor, a transparencia e as garantías. Non hai ningún concurso destas características en España nos últimos doce anos que acadase este nivel de participación e iso tamén fala de como se fixeron as cousas en Poio”, sinala.

Unha alta participación que, engade, é “unha boa noticia para Poio e para a veciñanza, porque canta máis competencia existe entre as empresas, máis capacidade temos para conseguir un mellor servizo, mellores condicións e propostas máis innovadoras e ambiciosas”.

Neste senso, Moldes agradece especialmente o traballo realizado polos técnicos municipais durante todo o procedemento. “En menos dun mandato fomos capaces de sacar adiante un concurso dunha enorme complexidade e facelo con once ofertas sobre a mesa, que tiveron que ser analizadas e valoradas con detalle. Houbo moito traballo detrás para chegar ata aquí e creo que é importante recoñecelo”, sinala.

Neste sentido, o rexedor destaca que “a política municipal ten que servir para resolver problemas e para transformar o municipio. Non queremos limitarnos a xestionar o día a día, senón planificar, investir e dar resposta a necesidades que nalgúns casos veñen de hai moitos anos”.

15,4 MILLÓNS DE EUROS EN INVESTIMENTOS

Coa adxudicación do novo contrato da auga, o Concello de Poio pretende mellorar a calidade do servizo e executar investimentos por valor de 15,4 millóns de euros en obras de ampliación e mellora das redes de saneamento e abastecemento en todo o municipio.

Unha vez aprobada inicialmente a adxudicación no pleno de mañá, abrirase un prazo de quince días para a presentación da documentación correspondente e para que as empresas interesadas poidan presentar, de consideralo necesario, as súas reclamacións. Posteriormente procederase á formalización do contrato, momento a partir do cal comezará a prestación do servizo pola nova concesionaria e se activará o cronograma de investimentos previsto.

As primeiras actuacións darán prioridade ás zonas de Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos importantes de poboación que carecen de redes de saneamento e abastecemento de auga, así como á Caeira, onde se producen roturas frecuentes debido ao estado da rede.

“Estamos falando de investimentos que van chegar directamente aos lugares nos que existen problemas e demandas da veciñanza. Vilariño, Fragamoreira ou A Caeira son exemplos claros. Son actuacións necesarias que agora imos poder afrontar cunha planificación e cun calendario concreto”, destacou o alcalde.

Segundo o cronograma incluído no contrato, os investimentos executaranse fundamentalmente ao longo dos catro primeiros anos. No primeiro ano investiranse 4,6 millóns de euros para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira e actuar nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons.

No segundo ano, o investimento superará os 3,4 millóns de euros, destinados a mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños de Lubiáns, nas travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, na Fogueteira e Campo Loncras, así como na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro. Tamén se contemplan actuacións no camiño de Bocas, na avenida de Colón e na rede de pluviais da rúa Coruxa e do camiño Real do Casal.

No terceiro ano destinaranse 2,3 millóns de euros a actuacións no camiño dos Mouchos, A Cachada, a travesía de Lubiáns, o camiño Monte do Cura, a marxe dereita da PO-308 entre Chancelas e Raxó, o tramo da PO-308 entre o cemiterio e O Remo e a avenida da Praia.

Por último, no cuarto ano está previsto un investimento de 1,3 millóns de euros. Entre as actuacións previstas figuran a conexión da Escusa e Río Mouro coa rede de saneamento existente, así como novas redes de saneamento na Escusa, Río Mouro e Río Mouro Pequeno.

Todas estas actuacións son de obrigado cumprimento no novo contrato. Ademais, dentro dos 15,4 millóns de euros de investimento total, incluíuse tamén como mellora o novo depósito da ETAP e a conexión no Sartal.

“Falamos de 15,4 millóns de euros que se van traducir en obras, novas redes e mellores servizos. Ese é o máis importante deste contrato: que detrás das cifras hai actuacións concretas que van mellorar o día a día e a calidade de vida da veciñanza de Poio”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio