O GOBERNO LOCAL AVANZA QUE A COMPRA DA GARDERÍA DE CAMPELO PODERÁ SER REALIDADE TRAS O NADAL 

13/01/2024

2023.

Días despois de asinar o préstamo coa entidade bancaria por valor de 723.804,64 euros, o alcalde de Poio Ángel Moldes sinala que a primeira parte do obxectivo xa está cumprida, que era pagar preto de 70 facturas que se debía a autónomos e pequenos empresarios, moitos deles de Poio, tras a xestión do Tripartito, facturas por importe de 423.804,64 euros. A segunda parte, engade, é comprar a antiga gardería de Campelo para convertela no Centro de Día de Poio, e xa avanza que isto poderá ser tamén unha realidade tras o Nadal.

Con respecto ao pago de facturas, o alcalde sinala que desde xuño, e con moito esforzo, primeiro facendo modificacións de crédito e recortando as poucas partidas do orzamento nas que quedaban algo de cartos e agora con esta operación de crédito, xa se pagaron preto de 700.000 euros das débedas herdadas do Tripartito. Con todo, calcula que aínda quedan entre 400 e 500.000 euros en facturas pendentes, que se terán que incorporar ao orzamento de 2024. Isto é porque, explica,  fóronse pagando aquelas facturas que a lei permite abonar con cargo a préstamo, que serían as relacionadas cos investimentos e non cos gastos correntes.

“Para este goberno é unha obsesión poder cumprir con todos eses autónomos e pequenas empresas, porque ningún deles ten culpa do descontrol no gasto o do despilfarro que houbo neste concello durante tantos anos”, sinala Moldes que, nesta liña, pide paciencia coas facturas que aínda quedan pendentes de abonar. “A nosa intención está clara, é saldar as débedas do Concello de Poio, primeiro porque non entendemos outra forma de xestionar e, segundo, porque esta situación económica que se estaba arrastrando ao longo dos anos compromete a xestión municipal”.

Xunto con facturas que no están pagadas, que nun 90% corresponden ao mandato anterior e no resto son consecuencia de recibir un orzamento esgotado xa no mes de xuño, a maiores tamén quedan pendentes obras para as que non se fixeron as modificacións correspondentes, “chapuzas que herdamos e que agora temos que abonar con moitos problemas”.

Con respecto á gardería de Campelo, Ángel Moldes amosa a súa ilusión porque pronto poida converterse nunha realidade para acoller un servizo tan necesario para as familias e os maiores de Poio. “É un compromiso que adquirimos cos veciños. Este é o mandato dos feitos, e esta decisión sitúa as políticas sociais e as persoas no centro da nosa acción de Goberno”, engade. Ademais, di que é o momento idóneo para facerse con este inmoble e coa finca para evitar que o edificio continúe deteriorándose. 

Recorda que a segunda parte do préstamo, 300.000 euros, están destinados para a adquisición desta parcela, ubicada nunha zona adecuada, ao lado do Centro de Saúde e entre dúas parroquias moi poboadas, e cunha contorna inmellorable. A idea é que, en canto podamos asinar a compra da parcela, se poida comezar a negociar investimentos con outras administracións para facer que este servizo sexa pronto unha realidade para a veciñanza de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio