Convocarán aos colectivos a unha reunión para coñecer a demanda real e valorar os itinerarios.
O Goberno estuda a implantación dunha liña de transporte municipal que facilite a mobilidade entre as parroquias de Poio, conectando deste xeito o rural coas zonas urbanas. Unha medida que, como sinala o alcalde, Ángel Moldes, “permitirá dar resposta a unha demanda histórica no noso municipio, potenciando a mobilidade e os desprazamentos internos, e cumprir cun dos compromisos que adquirín coa veciñanza de Poio”.
O transporte cubriría as zonas interiores de Poio, para vertebrar e comunicar todas as parroquias, facilitando así os desprazamentos entre diferentes lugares e permitir que, veciños e veciñas que carecen de coche, poidan desprazarse sen necesidade de depender de terceiras persoas ou mesmo, que aínda téndoo, aposta por un transporte máis sostible.
Así, para coñecer a demanda real de itinerarios, frecuencias e horarios, o Goberno convocará a representantes dos colectivos locais para facer unha valoración previa. “Queremos escoitar de primeira man cales son as prioridades, que lugares son os que teñen máis necesidade e cales son os horarios que mellor resultarían para comezar a implantar pouco a pouco itinerarios”, explica.
Precisamente, esta foi unha das cuestións que plantexou hai uns días o alcalde ante a xefatura territorial de Mobilidade. O obxectivo é incluílo no Servizo de Interese Municipal (SIMU) da Xunta de Galicia, o que permitiría, ademais, que os viaxeiros se beneficiasen das bonificiacións do transporte metropolitano, isto é transbordos gratis, así como das bonificacións e da gratuidade que actualmente están activas coa tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 anos.
Segundo explica Moldes, “é importante reforzar o transporte entre os concellos, pero tamén é fundamental facilitar a mobilidade interna. É unha necesidade á que queremos dárlle resposta canto antes, mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir, así, cumprindo os nosos compromisos coa cidadanía”.