O Goberno destina 73.000€ para o funcionamento das escolas deportivas municipais

15/02/2024

Ángel Moldes sinala que é unha aposta do Goberno polo deporte base, cunha oferta ampla e pensada para que os menores gocen do seu tempo de lecer mentres adquiren valores e hábitos saudables.

O Concello de Poio destina 72.980 euros para o desenvolvemento das escolas deportivas municipais, que contan este curso con 725 alumnos inscritos. O alcalde Ángel Moldes asinou esta mañá convenios cos quince clubes que colaboran no seu desenvolvemento, “nunha aposta clara do Goberno polo deporte base, ofrecendo unha oferta ampla e pensada para que os menores gocen do seu tempo de lecer mentres adquiren valores e hábitos de vida saudable”.

Así, Moldes asinou un convenio cos club Saraiba de ximnasia rítmica, balonmán Poio Artai, Triatlón Poio, Fútbol base Poio, Poio Pescamar fútbol sala, Escola Marítima Combarro, Piragüismo Poio, Poio Bike Club, Tenis Poio, Taekwondo Mace Sport, Boa Vila Basket, Club Atletismo Poio, Escola Vela Poio, Poio Kick Boxing e Escola de Rugby.

O convenio concede unha axuda de 100 euros por neno e curso para sufragar gastos de funcionamento de cada escola deportiva municipal. Unha cantidade que se incrementa no caso de nenas e nenos das familias de Poio con menos recursos e cuxa situación estea acreditada polo departamento de Servizos Sociais. Neses casos están eximidos de pagar as cotas de inscrición ao darse de alta nalgunha destas modalidades, cotas que asume a maiores tamén o Concello de Poio. O alcalde explicou que, unha vez que o orzamento municipal está aprobado, desde o concello urxiron a sinatura destes convenios para que os clubs dispoñan destes fondos canto antes.

Durante a sinatura dos convenios, Moldes agradeceu tamén a importante labor que desenvolven estas entidades deportivas e salientou que este curso incrementáronse en 100 os novos participantes que se animaron a formar parte dalgunha das quince escolas municipais. “Estes convenios son un investimento para contribuír a crear unha sociedade máis san, fomentando a práctica deportiva, convidando e ofrecendo variedade de disciplinas nas que o alumnado aprende valores fundamentais”, indicou. Ademais, resaltou o traballo “desinteresado e non sempre recoñecido” que realizan os propios clubs, cunhas directivas “que traballan duro” para sacar adiante cada tempada deportiva.

Nesta liña, recordou que a área de deportes é unha das máis importantes do Concello de Poio. “Este goberno aposta de xeito claro polo deporte, non só apoiando a base, senón tamén impulsando e colaborando coa celebración de eventos deportivos e mellorando e ampliando as instalacións deportivas municipais”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio