O Goberno de Poio aproba a baixada do IBI aos veciños do 0,47 ao 0,43%

31/12/2024

O orzamento municipal para 2025 ascende a 14,3M€: “un documento planificado, que parte da análise das necesidades da veciñanza e que vai permitir que Poio continúe crecendo”.

O Concello de Poio aprobou hoxe, cos votos a favor do Goberno, a baixada do Imposto de Bens Inmobles, que reducirá o tipo de gravame do 0,47 ao 0,43% e que suporá un importante aforro nos recibos da cidadanía. Foi durante o pleno do mes de decembro no que o alcalde, Ángel Moldes, destacou que “facemos realidade unha demanda e un dos nosos compromisos de Goberno, reducindo un dos impostos que afectan de xeito máis directo e amplo a toda a veciñanza e axudando ás familias a que dispoñan de máis recursos”.

Moldes asegurou que este acordo permite corrixir unha tendencia que sufriron nos últimos mandatos os veciños e veciñas de Poio, con dúas actualizacións do tipo de gravame que supuxeron incrementar o seu recibo nun 9%. “Estamos nun tempo novo, cun Goberno coherente, que aproba no Goberno o mesmo que reclamou como oposición e que ten claro que os nosos veciños teñen que pagar uns impostos xustos”, engadiu. Nesta liña, indicou que hoxe Poio é a excepción cando practicamente todos os concellos de Galicia están subindo impostos. Pero o aproba, dixo, “tras facer previamente os deberes e afrontar a difícil situación económica herdada e asegurando que non vai supoñer ningunha merma na prestación dos servizos públicos e sen comprometer a estabilidade financeira municipal”. Nesta liña, recordou que esta baixada do IBI do 0,47 ao 0,43 beneficiará a 8.779 inmobles de uso residencial e vai supoñer un aforro para as familias de case 300.000 euros anuais, uns cartos que vai deixar de ingresar o Concello de Poio. “Un esforzo na redución de ingresos que pasa polo noso compromiso para xestionar os recursos públicos de xeito eficiente e responsable”, engadiu.

Unha sesión na que tamén se aprobou o orzamento municipal para ano 2025, que ascende a 14,3M€: “un documento planificado, que parte da análise das necesidades do noso municipio e que vai permitir que Poio continúe crecendo, con estabilidade e con maior confianza e oportunidades”.

Durante a súa intervención, o alcalde explicou que é o orzamento dun Goberno único, “cuxo obxectivo é, exclusivamente, ofrecer os servizos que contribúen de xeito directo a mellorar a vida da cidadanía e a calidade na prestación dos servizos públicos municipais”.

Con respecto aos ingresos, indicou que neste exercicio xa é efectiva a primeira redución de taxas e impostos aprobada polo Goberno e que afecta aos recibos dos vados e das viñetas dos coches, así como as bonificacións para as familias numerosas nos recibos do IBI, que verán reducidos os importes entre o 40 e o 90%.

“Este modelo é gracias á xestión económica que fixemos no último ano”, e recordou que “o ano pasado aprobamos un orzamento de transición, un documento responsable que nos permitiu afrontar a realidade económica tan complicada que herdamos e que hoxe nos permite aprobar para 2025 un orzamento social, realista e pensado nas persoas”.

Ademais, indicou que o Concello de Poio vai reducir ao longo de 2025 a débeda viva en máis de 860.000 euros, pasando de 7,9M€ en xaneiro de 2025 a 7M€ en decembro do mesmo ano.

Por áreas, Benestar Social reserva 1,55M€, entre os que se inclúen as axudas de emerxencia social, a atención ás persoas dependentes, asistencia social, axuda no fogar, Educación Familiar, Centro de Información á Muller…. Para cultura, educación e festexos, a partida ascende a 1,4M€, entre as que se inclúen a programación anual do Concello de Poio, o mantemento dos centros de ensino e das instalacións municipais, axudas para os comedores, plan músico cultural, a organización de eventos lúdicos e festas, entre outros. Deportes conta con 450.000€, nos que se continúa apostando polo deporte base, o mantemento das instalacións, organización de eventos deportivos… Mantéñense tamén as axudas e subvencións a entidades, clubs e colectivos sociais, educativos, deportivos, culturais, veciñais… para organización e desenvolvemento de actividades ao longo do ano, qeu se outorgan tanto por concorrencia competitiva como de xeito directo e que “amosan o apoio deste Goberno a todo o tecido asociativo do concello, fomentando a igualdade, equidade e participación”.

No caso de Medio Ambiente, o orzamento inclúe unha partida de 480.000€, para lixo e xestión de residuos, 1,7M€ e para obras, servizos e urbanismo, reservan 5,9M€. O gasto corrente e o persoal manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior (7,4M€ e 4,7M€), para garantir así a prestación e a calidade de todos os servizos públicos municipais.

Con respecto aos investimentos, ademais dos 134.260,68 euros que reserva para inversións directas con fondos municipais, Moldes recorda que hai que engadir outros “investimentos moi importantes” para infraestruturas e servizos que van mellorar de xeito directo o benestar da cidadanía, posto que para 2025 o Concello de Poio conta “con moito financiamento” externo doutras administracións, principalmente da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra que non están incluídos neste orzamento. Refírese, por exemplo, a que no documento non están incluídos nin os investimentos do Plan +Provincia ou Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, como tampouco os investimentos xa anunciados pola Xunta de Galicia para este 2025, como poden ser as actuacións arqueolóxicas en Tambo, o proxecto na PO-308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós, a senda na PO-303 en Samieira, no polígono de Fragamoreira, a creación do Centro de Atención Temperá de Poio ou melloras nos centros de ensino, entre outros proxectos.

PLAN EMERXENCIAS E AUTOPROTECCIÓN PARA A ILLA DE TAMBO

Durante o pleno tamén se aprobou de xeito provisional o Plan de emerxencias e autoprotección para a Illa de Tambo, un documento que propón uns puntos de evacuación en toda a illa e unha habilitación de terreos para que, no caso de que fose necesario ante unha emerxencia, sexa factible que aterrice un helicóptero de salvamento. Deste xeito, permitirá dar solución, a través de implantación de medidas adecuadas, a incidencias ou emerxencias nas visitas á Illa polos colectivos e individuos que participan na actividade que alí se desenvolve, neste momento principalmente visitas guiadas de carácter cultural dun máximo de tres horas de duración

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio