O Goberno asume a concesión da nave de piragüismo de Combarro, un requisito legal imprescindible para investir na instalación

31/10/2024

Tucho Muíños explicou que o obxectivo é repoñer a cuberta e asegurar a conexión de saneamento á rede municipal para evitar posibles filtracións de auga, “as dúas principais reclamacións do club”.

O Goberno aprobou onte aceptar as condicións de Portos de Galicia para asumir a concesión da nave de piragüismo de Combarro. Segundo explicou o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, é investir na instalación para repoñer a cuberta e asegurar a conexión de saneamento á rede municipal para evitar posibles filtracións de auga.

Foi durante a sesión plenaria do mes de outubro, no que Muíños recordou que a nave presenta un deterioro máis que evidente da cuberta desde hai décadas, o que ocasiona filtracións de auga cara o interior que dificultan a práctica deportiva no seu interior. E, precisamente, explicou que para poder facer un investimento desde o Concello de Poio co que solucionar estes problemas, é requisito imprescindible acreditar a titularidade ou concesión da instalación. “Aceptamos esta concesión para poder arranxar o club de piragüismo. Entendemos a frustración dos pais e dos deportistas, e por iso a primeira xestión que fixen en xuño de 2023, catro días despois de tomar posesión como concelleiro de Deportes, foi abrir o un expediente para preguntar sobre a situación da nave de Combarro”, engadiu.

A partir dese momento, fixo unha cronoloxía dos pasos que se foron dando para “poñer, hoxe (por onte), a primeira pedra para dar unha solución definitiva a esta situación”. A concesión da ocupación faise durante un prazo de dez anos, con prórrogas de cinco anos ata un total de 50. Con respecto aos gastos que vai supoñer para as arcas municipais, Muíños explicou que “grazas aos técnicos municipais conseguimos acollernos a unha exención a favor das corporacións locais por destinarse a uso deportivo, o que supón que non teñamos que asumir ningún gasto a maiores dos que xa estamos facendo na actualidade, en canto a luz, limpeza, auga, subministro de gasóleo, material de limpeza e labores de mantemento, uns gastos que en 2024 ascenderon a preto de 3.500 euros.

Por último, o edil de Deportes cuestionou que “o proxecto que deixou o anterior goberno non daba resposta a ningunha das dúas reclamacións do club de piragüismo”. Pola contra, asegurou que o proxecto que vai executar o Goberno local “non é un remendo, é unha actuación que vai mellorar a nave. Moitos dos problemas que hai agora son froito das chapuzas e remendos que fixeron durante moitos anos e que nunca solucionaron os problemas que había”.

Tamén o alcalde, Ángel Moldes, referiuse a este asunto que foi tratado pola vía de urxencia no pleno xa que o Concello de Poio quere facer estes investimentos de xeito inmediato. Agradeceu tanto a Tucho Muíños como á anterior técnica de Deportes do Concello de Poio a súa xestión durante o último ano e medio, no que trataron a mellora da nave de piragüismo como “unha absoluta prioridade”. Así, engadiu que “fixeron unha xestión impecable” para dar resposta ao problema da nave de piragüismo.

Para executar o proxecto, o Concello de Poio destinará financiamento do plan de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra. “Os cartos que había en 2023 para o proxecto da nave de Combarro, que non se puideron gastar porque o Concello de Poio nin era titular nin tiña a concesión da instalación, pertencían a un remanente polo que, finalizado ese exercicio, non se pode reservar nos orzamentos posteriores”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio