Ángel Moldes: “É unha decisión responsable: teremos menos débeda, pagaremos menos intereses e, o máis importante, poderemos executar proxectos necesarios, prioritarios e históricos, cos que damos cumprimento ao noso programa de Goberno”.
O pleno do Concello de Poio aprobou onte, co voto favorable do Goberno local, unha operación financeira que permitirá destinar preto de 700.000 euros a investimentos que mellorarán a calidade de vida da veciñanza. Estes investimentos inclúense nunha operación de 900.000 euros, que permitirá executar actuacións clave no municipio.
Así, con esta aprobación, o Concello poderá avanzar na rehabilitación integral do parque Costa Xiráldez, en Lourido (cunha partida de 204.000€), na construción de baños públicos en Cabeceira (45.000€) e na aportación municipal á humanización entre A Seara e Campelo, cun investimento de preto de 440.000 euros, dentro do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra.
Segundo indicou o alcalde, Ángel Moldes, esta operación foi necesaria ante a imposibilidade de utilizar directamente os 2,4M€ do superávit acumulado en 2024 debido ás limitación impostas polo Goberno central. Así pois, explicou, “buscamos unha alternativa legal, eficaz e beneficiosa”. A alternativa adoptada consistiu na amortización parcial dun préstamo vixente cun interese do 3,6%, e a formalización dunha nova operación financeira cun tipo máximo do 2,8%, o que permitirá un aforro en intereses de 300.000 euros e unha mellor xestión da débeda. “É unha decisión responsable: teremos menos débeda, pagaremos menos intereses e, o máis importante, poderemos executar proxectos necesarios, prioritarios e históricos, cos que damos cumprimento ao noso programa de Goberno”, indicou Moldes.
Ademais, o alcalde recordou que esta decisión non vai incrementar a débeda municipal, xa que esta operación substituirá un préstamo vixente e cun tipo de interese máis favorable. “Non imos consentir que un Goberno central incapaz de aprobar uns orzamentos co apoio dos seus socios prexudique aos nosos veciños. Esta é unha operación boa para o Concello e boa para Poio, como acreditan os informes favorables dos técnicos municipais”, engadiu Moldes.
O alcalde tamén aproveitou para salientar o contraste entre a xestión actual e a dos anteriores gobernos locais: “Estamos demostrando que si hai outra forma de gobernar: vós incrementastes a débeda, deixastes facturas sen pagar e proxectos sen executar. Nós reducimos a débeda, pagamos as facturas e levamos a cabo investimentos fundamentais para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”. Ademais, lamentou que socialistas e nacionalistas votasen en contra de executar demandas que son históricas para o municipio. “É totalmente incomprensible”, asegurou.
Ademais das actuacións principais, o acordo aprobado en Pleno tamén permitirá abordar outras cuestións pendentes e resolver “problemas herdados”, con actuacións adicionais no espazo coworking da Seca, o pago dunha sentencia por usurpación dun terreo e demolición de cabaña sen autorización do propietario en 2019 no camiño de Vilanova ou pago a Covsa tras outra sentencia que revisaba os prezos de obras executadas no anterior mandato, entre outros.
O goberno local reafirma así o seu compromiso cunha xestión responsable, eficiente e centrada nas prioridades reais da cidadanía, apostando por investimentos que teñen un impacto directo e positivo no día a día dos veciños de Poio.
Ademais, na sesión plenaria tamén deron conta da designación da concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, como representante da Comisión de Escolarización do Concello, e como substituta a Natividad Torres, concelleira de Benestar e Igualdade.