O Goberno amosará á veciñanza o proxecto para transformar a PO-308 entre A Barca e Casal de Ferreirós

27/11/2024

No pleno, Ángel Moldes anunciou que en canto o proceso o permita, o Concello de Poio presentará un recurso de alzada contra a instalación dun parque eólico no Monte Castrove.

O pleno do Concello de Poio aprobou por unanimidade o convenio coa Xunta de Galicia para humanizar e acondicionar o treito inicial da PO-308, entre A Barca e Casal de Ferreirós.

Foi na sesión ordinaria de novembro, que se celebrou onte, na que o alcalde, Ángel Moldes, anunciou que nos próximos días convocarán á veciñanza de San Salvador para que coñezan polo miúdo o proxecto que permitirá transformar unha das entradas de acceso ao municipio e mellorar a seguridade e os servizos da veciñanza.

“Este era un dos nosos compromisos de Goberno e estamos dando o primeiro paso para facelo realidade”, destacou a voceira Rocío Cochón, que explicou tamén que para realizalo tiveron en conta as aportacións que recolleron da cidadanía cando estaban na oposición, “e por iso non se implantará a dirección única nesta estrada como quería o anterior Goberno”.

O proxecto conta cun investimento que supera os 1,7M€, cofinanciado entre Xunta e Concello en dúas anualidades, e contempla a reordenación e optimización do espazo público da vía, coa delimitación clara do uso e funcións das distintas zonas: renovación do firme da calzada, pavimentación de beirarrúas, aparcamentos e calzada cos carrís proxectados. Humanizarase o espazo con zonas axardinadas e mobiliario urbano potenciando así os desprazamentos a pé, transformando a imaxe dunha das entradas principais de Poio e do núcleo urbano de San Salvador cunha visión moito máis amigable. Ademais, reservaranse zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. Inclúe tamén a reposición de servizos básicos de saneamento, abastecemento e pluviais, sinalizacións horizontais e verticais e canalizacións subterráneas para telefonía e electricidade que substitúan os actuais tendidos aéreos.

Esta é a primeira fase dun proxecto que continuará ata Casa Solla e que supera, en conxunto, os 4,8M€ polo que debido á súa magnitude divídese en varias actuacións. A humanización entre A Barca e o Casal de Ferreirós licitarase na primeira metade de 2025 e a previsión é que as obras comecen a executarse ese mesmo ano.

REXEITAMENTO DOS EÓLICOS NO CASTROVE

Tras a intervención da representante da plataforma Non ao Parque Eólico de Castrove no pleno, Ángel Moldes reiterou que a postura do Goberno segue sendo a mesma e coinciden todas as forzas políticas con representación no consistorio para rexeitar á súa construción e asegurou que, en canto o proceso o permita, presentarán un recurso de alzada.

Así, explicou que onte mesmo se celebrou unha xunta de voceiros para avanzar nas decisións e os pasos que se irán dando, coas ferramentas dispoñibles en cada momento e de xeito consensuado, para opoñerse á súa construción. “O noso compromiso é público e sempre foi e será o mesmo: non queremos un parque eólico nin no Monte Castrove nin ningún outro punto de Poio polo importante impacto ambiental, visual, paisaxístico… que provocaría na zona”.

Por último agradece o traballo da plataforma, coa que “hai un contacto fluído e permanente, colaborando en todo aquelo que nos propoñen. É importante que o Concello, as forzas políticas, os colectivos e veciños sigamos amosando unha imaxe unida fronte a este proxecto”.

Ademais destes asuntos, no pleno tamén se deu lectura da declaración institucional do Concello de Poio contra as violencias machistas, da man dun representante de cada grupo político que forman a corporación, e aprobouse por unanimidade o primeiro plan de igualdade e protocolo de prevención e actuación fronte acoso laboral para o persoal do concello.

Este primeiro plan de igualdade alcanza a todo o persoal municipal, independentemente de que sexan fixos, temporais, a tempo completo ou parcial, e busca continuar avanzando na consecución da igualdade real e efectiva das traballadoras e traballadores, entendendo que é un dos piares fundamentais na acción de goberno. Inclúe seis áreas de actuación, con un total de 45 medidas, que inclúen desde o compromiso coa igualdade, comunicación e sensibilización, ata acceso ao emprego público e promoción, formación, igualdade retributiva, conciliación e corresponsabilidade, saúde laboral, acoso sexual e violencia de xénero.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio