Ángel Moldes: “Estes cursos son fundamentais non só a nivel persoal ou social, hoxe estar conectados é tamén importante para mellorar a empregabilidade, para relacionarse coas administracións ou para facer calquera outro tipo de xestión diaria”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, participaron hoxe na clausura do curso Galegas Dixitais, que permitiu que un grupo de 20 mulleres adquirisen novas competencias de dixitalización fundamentais para mellorar a súa empregabilidade.
Moldes agradeceu a implicación de todas as alumnas, que durante o último mes participaron neste curso que pretende reducir a fenda de xénero e impulsar o emprendemento feminino. Unha asistencia que chegou ao 100% das horas en cada unha das participantes, o que demostra “que foi interesante e práctico”. Ademais, subliñou que todas as participantes recibiron gratis un ordenador portátil co que realizar o curso e, unha vez rematado, poñer en práctica todo o que aprenderon. “Este tipo de cursos son fundamentais non só a nivel persoal ou social, creando sinerxias entre as alumnas; hoxe estar conectadas é tamén importante para mellorar a empregabilidade, para relacionarse coas administracións ou para facer calquera outro tipo de xestión diaria”.
Este programa formativo desenvolveuse no edificio Guardeses (Pazo Besada), tivo unha duración de 120 horas e desenvolveuse en tres bloques: competencias dixitais básicas, competencias dixitais avanzadas e competencias dixitais para o emprendemento. Está promovido pola Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Poio, e financiado con fondos europeos.