O curso “Atención ao cliente en supermercado” facilitou a inserción laboral de case o 50% do alumnado

16/04/2025

Esta mañá entregaron os diplomas ás alumnas que participaron no curso organizado polo Concello e Acción contra el Hambre. Ángel Moldes: “A formación, a capacitación e a profesionalización son fundamentais para seguir abrindo portas”.

O curso de atención ao cliente en comercio supermercado organizado polo Concello de Poio e a fundación Acción Contra el Hambre facilitou a inserción laboral de cas o 50% do seu alumnado. O alcalde, Ángel Moldes, fixo entrega esta mañá dos diplomas ás 16 persoas que completaron a súa formación, durante 100 horas, entre a Casa Rosada e as prácticas non laborais en Froiz.

“Unha formación gratuíta e experiencia que abre unha oportunidade real ao mundo laboral”, salientou Moldes, que recordou que “supoñen unha diferenciación clara á hora de optar a un posto laboral”. Nesta liña, apunta que o resto do alumnado tamén ten opcións claras de ir incorporándose ao mundo laboral ao longo das próximas semanas. “A formación, a capacitación e a profesionalización son fundamentais para seguir abrindo portas”, sinalou, e agradeceu o compromiso de todo o alumnado: “esas gañas, implicación, motivación e ilusión foron fundamentais para que acabedes este curso cun contrato laboral”.

O curso de atención ao cliente en comercio supermercado, organizado polo Concello de Poio e a fundación Acción Contra el Hambre, desenvolveuse durante o último mes na Casa Rosada. Unha formación que completou todas as prazas dispoñibles. O curso, que foi gratuíto para o alumnado, tivo unha duración formativa de 100 horas, das que 60 horas foron prácticas non laborais en supermercados Froiz.

Esta formación completou a oferta de cursos que se están desenvolvendo desde o Concello de Poio, dirixidos de xeito especial para persoas en situación de desemprego e que, anuncian, seguirán organizándose ao longo do ano con propostas novas. Nesta liña, tamén recentemente se organizou, en colaboración coa fundación Acción Contra el Hambre outro curso de especialista en carnicería e charcutería, cunha importante inserción laboral.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio