O Concello reforza os servizos sociais coa incorporación de dous novos profesionais

22/03/2025

Esta medida permitirá prestar unha atención máis efectiva e reducir o tempo de espera. Será a primeira vez que o municipio conte con catro traballadoras sociais para atender á cidadanía.

O Concello de Poio reforza os servizos sociais municipais coa incorporación de dous novos profesionais, que se sumarán ás dúas traballadoras sociais que hai neste momento. Será no pleno deste martes no que o Goberno abordará a modificación da RPT para incluír unha destas dúas prazas novas. A segunda, incorporarase a través de fondos provinciais.

Esta decisión, explica o alcalde Ángel Moldes, permitirá reforzar o servizo, prestar unha atención máis efectiva e reducir o tempo de espera na atención á veciñanza. Así, explican que por primeira vez na historia Poio contará con catro traballadores sociais, o dobre que ata o de agora, nunha clara atención na aposta do Goberno polas persoas, por mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida. “Queremos unha atención máis próxima, áxil e efectiva, a atención social é un servizo fundamental porque permite axudar a moitas persoas en situación de especial vulnerabilidade, en definitiva, ás persoas e familias que máis apoio precisan”, destaca Moldes.

Unha vez aprobada a modificación da RPT en pleno, iniciarase o proceso de contratación dos novos profesionais para que poidan incorporarse ao servizo coa máxima brevidade.

As dependencias de Benestar Social de Poio están localizadas no Pazo de Besada. Ademais da organización administrativa necesaria, neste espazo a cidadanía conta coa asistencia social proporcionada polas traballadoras sociais, co servizo de educación familiar, psicóloga, animadora sociocultural, así como o Centro de Información á Muller.

Por último, o alcalde recorda que ademais de reforzar a plantilla e a atención, o Concello de Poio impulsou novos servizos, en colaboración coa Xunta, como a posta en marcha da primeira Unidade de Atención Temperá de Poio, destinado para a cativada menor de 6 anos. “O noso compromiso coa asistencia social, coa mellora da calidade de vida e coas persoas é incuestionable. O noso esforzo sempre estará encamiñado a ofrecerlles a mellor atención e as mellores prestacións ao carón dos seus fogares”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio