O CONCELLO RECOÑECE E HONRA A FIGURA DE MAGÍN FROIZ COA ENTREGA Á FAMILIA DO DOCUMENTO QUE ACREDITA COMO FILLO ADOPTIVO DE POIO

12/01/2024

2023.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, fixo entrega este martes do título que acredita a Magín Froiz como Fillo Adoptivo, facendo así realidade o acordo plenario acadado a finais do ano pasado coa unanimidade de toda a Corporación municipal. Foi nun acto íntimo de recoñecemento que se celebrou no Casal de Ferreirós, e que contou coa presenza dos membros do Goberno local e da oposición. O diploma acreditativo foi recollido por Pepa, a muller do histórico empresario, falecido en marzo de 2022, e que estivo acompañada de varios familiares, así como polo responsable do GD Supermercados Froiz, Evaristo Portela.

VER GALERÍA

Con esta distinción, o Concello de Poio honra a memoria dunha figura “de  gran trascendencia para Poio, un dos mellores embaixadores que o noso municipio puido ter, habida conta do labor que lle levou a ser un referente no eido social, económico e deportivo máis alá do noso concello”, tal e como sinalou o alcalde Sobral.

A encargada de iniciar o acto foi a responsable de Deportes, Marga Caldas, cuxo departamento foi o encargado de tramitar o expediente para o nomeamento de Fillo Adoptivo de Magín Froiz. “Toda a Corporación estivemos de acordo en que este recoñecemento é máis ca merecido”, sinalou Caldas, que lembrou o vínculo entre Froiz e Poio durante gran parte da súa vida. “Foi un activo indispensable para o noso concello, cun afán de superación que lle levou a crear unha das empresas máis importantes do país, sen esquecer a súa paixón polo deporte e a axuda que prestou ás familias e persoas máis necesitadas”, recalcou.

Logo de facer entrega do diploma á familia, Luciano Sobral tamén quixo poñer en valor a figura de Magín Froiz, quen “nunca dubidou, desde a profesionalidade e a discreción que sempre o caracterizaron, á hora de colaborar en iniciativas solidarias ou na organización de eventos ou probas deportivas. O seu espírito solidario e altruísta sen lugar a dúbidas tiveron a mesma grandeza que a súa capacidade profesional, que o levou a ser un dos grandes dinamizadores económicos de Poio e de Galicia, creando milleiros de postos de traballo”. O alcalde tamén quixo poñer en valor o esforzo que realiza a familia Froiz, quen “representa e encarna á perfección os valores que nos deixou Magín como gran legado. Con este nomeamento queremos que a súa figura sexa lembrada polas futuras xeracións e Corporacións locais”, engadiu.

O acto contou coa participación do grupo de gaitas da Asociación Cultural Vides Novas. Este non será o único recoñecemento que o Concello de Poio fará na memoria de Magín Froiz, xa que para finais deste mes de marzo está prevista a inauguración dun monólito de pedra na rotonda da avenida da Praia, en Lourido, para lembrar a súa figura. O emprazamento foi elixido por ser lugar de paso habitual para Magín Froiz.

Entre os méritos acadados polo empresario, natural de Huesca e residente en San Salvador desde hai moitos anos, figura a fundación do Grupo Froiz, con base en Lourido, a través do cal creou milleiros de postos de emprego, moitos dos cales “serviron e serven na actualidade para dar traballo a un gran número de veciños e veciñas e Poio e da bisbarra”. Ademais, o Concello tamén ten en conta o espírito altruísta, colaborador e solidario de Froiz, que lle levou a colaborar de xeito activo en  preto de 2.000 iniciativas culturais, solidarias e deportivas desenvoltas no municipio. Foi a súa paixón polo deporte e polo ciclismo en particular o que lle levou tamén a fundar o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, equipo ciclista de referencia en todo o Estado español, que conta cun gran palmarés e que é unha canteira inesgotable de grandes corredores.

Co este nomeamento a título póstumo, Magín Froiz súmase a outras personalidades que  tamén se converteron en Fillos Adoptivos de Poio, entre as que se atopan Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (gañador do Premio Nobel da Paz en 1980 e nomeado en 2000), Alexandre Bóveda (2003) e Benito Montero (2011).

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio