O Concello Poio dá o primeiro paso para crear un gran complexo deportivo na Seca

04/11/2024

Saca a licitación a elaboración dun Plan Especial de Instalacións Deportivas na Seca e os documentos ambientais estratéxicos, “un paso previo necesario e indispensable para avanzar no proxecto”. Permitirá regularizar as infraestruturas xa construídas, mellorar as existentes e crear as novas, entre as que se incluiría a piscina municipal.

O Concello de Poio dá o primeiro paso para crear un gran complexo deportivo na Seca, “unhas infraestruturas de acorde ás demandas reais e históricas do noso municipio”. Así o definiu esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, que xunto á concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, anunciou que xa comezaron os trámites para adaptar urbanisticamente a zona, “un paso previo necesario e indispensable para avanzar neste proxecto”.

Así, tras aprobar na última xunta de Goberno o prego de condicións para contratar a elaboración dun Plan Especial de Instalacións Deportivas na Seca e os documentos ambientais estratéxicos, hoxe mesmo publicarase no perfil do contratante do Concello de Poio para que as empresas comecen a presentar as súas propostas. A contratación da redacción deste PEID de instalacións deportivas na Seca farase por procedemento aberto simplificado e conta cun investimento de preto de 50.000 euros.

“Unha vez que teñamos ese plan especial aprobado, que regularice as infraestruturas xa construídas e que nos permita mellorar as que xa existen e crear as novas, comezamos a segunda fase, que é buscar financiamento e executar os proxectos, entre os que se incluirá a construción da piscina municipal de Poio”, engadiu. Ademais, recordou que “faríamos realidade unha promesa que outros levaban 25 anos incumprindo”.

CATRO ANOS DE ATRASO POR INCUMPRIR UN ACORDO PLENARIO

Neste senso, recoñeceu que “este procedemento é o máis complicado e complexo”, e lamentou que “levamos, como mínimo catro anos de atraso”. Referiuse a que “existe un acordo unánime da corporación desde hai catro anos para facer este trámite, xa que na oposición presentamos en 2020 unha moción construtiva para que o Tripartito comezase este trámite administrativo. Pero, como sempre, chocamos coa desidia, a indiferenza e a paralización. De telo feito, hoxe ese plan especial xa estaría redactado e aprobado, e directamente poderiamos estar xa iniciando a licitación para dotar a Poio de todas esas infraestruturas deportivas que merece a nosa veciñanza”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio