O Concello inviste 40.000 euros na instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña

05/11/2024

O concelleiro de Obras, Marcial García, sinala que “esta actuación permite solucionar un problema herdado neste lugar e completar a humanización da zona”.

O Concello de Poio está instalando o alumeado público na rúa do Adro e na Travesía Porteliña, en San Salvador, unha actuación que conta cun investimento de 40.000€ e que permitirá completar a humanización desta zona.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, achegouse ata o lugar para comprobar o avance das obras que, segundo explicou, “permite solucionar un problema para os veciños desta zona que non entendían como nunha rúa que se mellorou hai pouco tempo, co Plan Concellos 2022-2023, o Goberno anterior deixou atrás a dotación de novos puntos de luz. Si abriron os ocos, pero non instalaron as farolas, deixando incompleto o proxecto”.

Polo tanto, agora con esta actuación, engadiu, “damos resposta a esa necesidade da veciñanza, que demandaba completar a humanización real destas rúas, ao mesmo tempo que se mellora a integración de toda a zona e pon valor a contorna”.

As obras que se están executando inclúen adaptar as cimentacións existentes e colocar columnas e luminarias, así como a conexión á rede, nunha superficie de 375 metros.

Ademais desta obra, Marcial García apunta que nas próximas semanas executaranse melloras, pavimentacións e ampliación de servizos básicos en varios camiños e viais municipais, entre os que se inclúen o camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; travesía da Seara; camiño do Outeiro de Fontenla; rúa Costa de Arriba; camiños do Souto e Fonteiriñas e nos ramais dereitos e esquerdo da rúa Sartal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio