O Concello, en colaboración con CiberVoluntarios, pon en marcha este verán un campamento dixital para rapazada de 9 a 17 anos

26/06/2025

As inscricións pódense realizar de xeito gratuíto ata o 24 de xullo en xuventude@concellopoio.org. Desenvolverase en dúas quendas na Aula Cemit de Combarro, e inclúe contidos e actividades adaptados a cada idade para adquirir novas competencias e ferramentas dixitais de xeito útil, creativo, seguro e responsable.

O Concello de Poio, en colaboración con CiberVoluntarios, pon en marcha este verán un campamento dixital gratuíto para a rapazada de 9 a 17 anos. Trátase dunha proposta nova para as vacacións escolares, que se desenvolverá en agosto na Aula Cemit de Combarro. As inscricións xa están abertas en xuventude@concellopoio.org, ata o 24 de xullo ou completar as prazas dispoñibles. É preciso incluír o nome completo do neno ou neno, idade, persoa e teléfono de contacto.

Este Campamento Dixital é unha das novidades que se ofrecen este verán para a mocidade de Poio. Inclúe contidos e actividades adaptados a cada idade para adquirir novas competencias e ferramentas dixitais de xeito útil, creativo, seguro e responsable. Organizaranse dous campamentos, o primeiro para nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de agosto, e o segundo, para mocidade de 14 a 17 anos, que se impartirá do 25 ao 29 de agosto. En ámbolos dous casos, en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas.

A rapazada de 9 a 11 anos aprenderá a usar palabras clave e preguntas completas nos buscadores para atopar información de valor, con retos e xogos. Tamén accederán a ferramentas para crear contido dixital e deseñar carteis e presentacións, aprenderán a identificar bulos e noticias falsas e a recoñecer posibles riscos na internet con consellos para actuar en cada caso.

De 12 a 13 anos aprenderán a equilibrar o uso da tecnoloxía con actividades fóra da pantalla, a coidar a súa privacidade e as normas de comportamento nas redes sociais, a filtrar, gardar e compartir o contido que atopan na rede e a detectar posibles situacións de ciberacoso para saber como previlas.

Os máis maiores, de 14 a 17 anos, deseñarán un cronograma para xestionar mellor o tempo que pasan usando dispositivos electrónicos, aprenderán a facer un uso consciente e responsable da internet e das redes sociais, así como a identificar os principais riscos na rede, protexer os seus datos persoais e manter a privacidade nos entornos virtuais. E, a maiores, tamén se lle incorporarán consellos e ferramentas para personalizar a carta de presentación e cv para axilizar a busca de emprego.

Esta iniciativa está impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado con Fondos Next Generation da UE.

O Campamento Dixital súmase ao completo abano de actividades que organiza este verán o Concello de Poio para que a mocidade goce das súas vacacións con propostas lúdicas, formativas e culturais. Así, ademais desta actividade, esta mesma semana está desenvolvéndose o campamento cultural “Teatreirxs” no Xaime Illa, en Raxó, e en agosto tamén se organizará a Semana Máxica, para alumnado de 5º de primaria a 2º da ESO. A estas propostas súmanse tamén dúas actividades organizadas pola Xunta de Galicia no municipio: o campo de voluntariado “Costa Azul” e o minicampamento “As pegadas da historia”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio