O Goberno local recorda que a declaración de impacto ambiental publicada no DOG é un trámite técnico contra o que non cabe recurso e non implica a autorización de construción do parque.
Subliñan que a postura do Concello segue sendo a mesma: “Nin o Monte Castrove nin ningún outro punto de Poio son o lugar para ese proxecto”, polo que seguirán traballando con todas as ferramentas dispoñibles en cada momento e anuncian que recorrerán contra calquera resolución que poida facer avanzar o proxecto e que admita recurso.
O Goberno local de Poio reiterou este martes o seu rexeitamento ao proxecto de construción dun parque eólico no Monte Castrove, despois de coñecerse a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente aprobando a declaración de impacto ambiental do proxecto, que afecta aos concellos de Meis, Barro, Pontevedra e Poio.
Desde o Concello recordan que esta declaración non implica polo momento a autorización de construción do parque, senón que un trámite técnico, regulado por unha lei estatal, contra o que non cabe recurso.
Con todo, a concelleira de Urbanismo Rocío Cochón recordou que a postura do Goberno local segue sendo a mesma e coincide coas forzas políticas con representación no Consistorio, o tecido cívico e a gran maioría da veciñanza: “Nin o Monte Castrove nin ningún outro punto de Poio son o lugar para ese proxecto”, polo que seguirán traballando, con todas as ferramentas dispoñibles en cada momento, para opoñerse á súa construción.
Nese sentido, anunciou que desde o Concello de Poio se recorrerá calquera nova resolución ou trámite que implique avances no proxecto e que admita recurso: “Oporémonos civicamente, administrativamente e, no seu caso, xudicialmente”.
Cochón quixo recordar que esta postura é a que se leva mantendo de forma unánime por todos os grupos, de Goberno e oposición, desde 2021, cando se presentaron as primeiras alegacións ao proxecto: “Como representantes públicos temos que compartir e canalizar as demandas e preocupacións da veciñanza de Poio, e seguimos crendo que a construción deste polígono conlevaría un importante impacto ambiental, visual, paisaxístico… na zona, independentemente das modificacións que se lle queiran introducir”.
“Iso non quere dicir que non haxa que impulsar unha transición enerxética xusta e promover as enerxías renovables”, destacou, “pero consideramos que os impactos negativos deste proxecto serían moi superiores a calquera posible beneficio”.
Cochón recordou que en todo caso non é a Xunta a que promove este proxecto, senón unha empresa privada, do mesmo modo que a declaración de impacto é unha decisión informada por técnicos ambientais e regulado por unha lei estatal, polo que pediu ás distintas formacións políticas que se absteñan de facer ataques políticos con este tema: a mellor forma de afrontalo é con unidade.
Por ese motivo, anunciou que nos próximos días convocarase unha xunta de voceiros para informar do estado do procedemento e consensuar as medidas a tomar “de modo que Concello, forzas políticas, colectivos e veciños sigamos amosando unha imaxe unida fronte a este proxecto”.