“Somos un concello que está crecendo, con moitas familias que se están asentando e queremos ofrecerlles os mellores servizos e zonas de esparcemento que contribúan a mellorar a súa calidade de vida”, subliña Ángel Moldes.
O Concello de Poio quere crear en Ánkar un parque infantil temático sobre Cristóbal Colón, unha área de xogo que contará con aproximadamente 300 metros cadrados para acoller, entre outras pezas, unha réplica da embarcación Santa María, con elementos de xogos integrados.
O alcalde, Ángel Moldes, subliña que “somos un concello que está crecendo, no que a metade da poboación ten menos de 45 anos e con moitas persoas que están elixindo Poio para crear o seu proxecto de vida, para establecerse e para formar a súa familia. E queremos ofrecerlles un concello con oportunidades, pero tamén con servizos e zonas de esparcemento que contribúan a mellorar a súa calidade de vida”. Así, recorda que cada tres meses o Concello de Poio está entregando unha caixa benvida a unha media de 25 bebés, “un claro reflexo de que as propostas para as familias deben ser unha parte importante da nosa acción de goberno”.
Neste contexto, entende que o avanzado estado de deterioro do actual parque infantil que hai en Ánkar fai prioritaria unha reforma integral, que permitirá tamén ampliar a súa capacidade. “Queremos aproveitar que a escasos metros deste lugar se atopan a Casa Museo de Colón e a Cruz de Colón, “para ofrecer á cativada un parque atractivo, diferente e de calidade, dando maior valor cultural ao parque de Ánkar”.
Ademais da réplica da embarcación da Santa María, na que Cristóbal Colón descubriu América, e que terá integrados tobogáns e outros xogos, incluirá tamén un xogo xiratorio tematizado imitando os barrís que levaban nas adegas naquela época, dous pórticos de columpios con asentos planos e asento inclusivo, rocódromo… Tamén haberá elementos para os máis pequenos.
“Esta nova proposta non só permitirá ampliar a franxa de idade do parque actual, senón que tamén aumentará o número de usuarios nun 70% e, un dos aspectos máis importantes, incluirá xogos inclusivos”, engade.
O proxecto xa conta cos permisos de Costas do Estado, polo que o seguinte paso do Concello de Poio será buscar liñas de investimento para executalo ao longo do vindeiro ano.