O Concello de Poio organiza unha homenaxe ao axente ambiental Manuel Viéitez, impulsor do Bosque de Colón

19/05/2025

Contará coa asistencia do profesor John H. McElroy, chegado desde Arizona para a ocasión, e que hoxe foi recibido na Casa Consistorial por Ángel Moldes e membros do Goberno.

O Concello de Poio prepara un acto institucional para render homenaxe a Manuel Viéitez, axente ambiental falecido recentemente e que foi unha das persoas que axudaron a crear o Bosque de Colón, a maior plantación de secuoias vermellas en Europa. Un acto que terá lugar este venres, 23 de maio (12.00 horas) e que contará coa participación do seu artífice, o profesor John H. McElroy, chegado desde Arizona para a ocasión.

O alcalde, Ángel Moldes, membros do Goberno e familiares de Viéitez recibiron esta mañá na Casa do Concello ao profesor McElroy, que asinou no libro de honra do Concello de Poio. Asegurou que Poio e todas as persoas que participaron na plantación do Bosque de Colón hai xa 32 anos fixeron posible cumprir o seu soño. “É gran pracer para mi regresar outra vez a Poio, un lugar que ten un significado moi especial para min”, sinalou. Recordou, ademais, que foi a súa investigación sobre a orixe galega de Cristóbal Colón en Galicia nos anos 60 de onde xurdiu a iniciativa lexislativa que propiciou a creación deste parque.

Pola súa banda, o alcalde Ángel Moldes agradeceu a McElroy que, de novo, volva a Poio, un municipio que lle debe tanto, ao referise a que o Bosque de Colón ten un importante valor histórico, cultural e natural e representa ademais un recurso turístico de primeira orde, xa que é visitado por moitísimas persoas cada ano, con familias que veñen ex profeso para coñecer a plantación. Por iso, desde o Goberno reivindican o Bosque como “un tesouro que hai que coñecer e conservar, unha peza especial no obxectivo de consolidar Poio como un referente turístico sostible e de calidade”.

Manuel Viéitez, veciño de Poio e cunha grande paixón polo monte, tivo un papel destacado na creación do Bosque de Colón, non só en 1992 cando mozos e mozas poienses e outros 25 adolescentes chegados desde EEUU plantaron as 500 secuioias que hoxe forman o Bosque de Colón, senón que se implicou persoalmente na posterior evolución e crecemento das especies. Por iso, sinalou Moldes, “esta homenaxe é máis que merecida, non só pola calidade humana de Manuel e a súa paixón polo noso monte, senón pola implicación constante que mantivo ao longo de todos estes anos”. Ademais, indicou que “contar coa presencia do profesor John H. McElroy e da súa familia farán que “esta homenaxe sexa aínda moito máis especial”.

As 500 secuoias que forman o Bosque de Colón foron un agasallo do goberno dos Estados Unidos a España en conmemoración do V Centenario da primeira viaxe de Colón, e constitúen o maior bosque de sequoia sempervirens de Europa por extensión (2,5 ha), con exemplares que superan xa os 20 metros. Son realmente uns ‘bebés’, considerando que esta especie pode vivir ata 1.000 anos e acadar unha altura de 115 metros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio