O Concello de Poio incluirá a reforma da pista deportiva de Monte Baldío e a mellora integral do vial Pedaporta nos orzamentos de 2026

05/12/2025

Ángel Moldes presidiu a reunión do Consello de Participación Veciñal, no que participaron representantes de diferentes colectivos locais e dos grupos municipais do PP e do BNG.

Os orzamentos do Concello de Poio para o ano 2026 reservará fondos para reformar a pista deportiva de Monte Baldío, en Raxó, e mellorar o vial Pedaporta, en Combarro. Ademais, reservará tamén a aportación municipal para os convenios asinados coa Xunta de Galicia para construír o novo bombeo e depósito de retención na Seca así como para a reurbanización da PO-308, entre A Barca e o Casal de Ferreirós, que se está executando neste momento.

Así o anunciou onte o alcalde, Ángel Moldes, na reunión do Consello de Participación Veciñal, ao que asistiron representantes de diferentes asociacións veciñais así como dos grupos municipais do PP e do BNG. Moldes explicou que o obxectivo da convocatoria era escoitar as aportacións e suxestións dos diferentes colectivos aos orzamentos municipais para o ano 2026 e trasladarlle, de primeira man, cales son as liñas fundamentais do documento. Unhas propostas que, asegurou, tamén estivo recollendo a través do programa de participación “O alcalde máis preto de ti”, unha iniciativa que cada mes percorre as diferentes parroquias para atender directamente as demandas e necesidades da cidadanía.

Con respecto á reforma da pista deportiva de Monte Baldío, en Raxó, Moldes explicou que é un proxecto que estaba pendente, e que se executará en 2026 para seguir ampliando e mellorando a calidade das instalacións deportivas en todo o municipio. Con respecto á mellora da rúa Pedaporta, en Combarro, incluirá a reposición de servizos, mellora da recollida de pluviais e reposición do firme, completando así as actuacións que este ano xa se están executando entre Casalvito e O Padrón.

Estes proxectos incluiranse no capítulo 6 do orzamento, que experimentará un incremento significativo para reservar 1,5 millóns de euros de fondos propios para executar investimentos. Con todo, Moldes indicou que esta cifra non recolle todas as actuacións previstas para 2026, dado que non inclúe as achegas que vai recibir doutras administracións e que xa están aseguradas, como por exemplo a Deputación de Pontevedra (Plan +Provincia ou Plan de Infraestruturas Deportivas) nin os proxectos xa anunciados pola Xunta de Galicia en Poio, como a senda na PO-303 en Samieira, o Polígono Industrial de Fragamoreira, a mellora do Porto de Combarro ou actuacións nos centros de ensino, entre outros.

Durante a reunión, Moldes adiantou que o orzamento para 2026 é dun Goberno único, un documento “serio, responsable e planificado”, deseñado para garantir servizos de calidade e executar investimentos que melloren de maneira real e directa a vida da veciñanza. Neste senso, recordou que desde a súa chegada ao Goberno, estes investimentos están executándose en todas as parroquias do municipio. O documento dará prioridade ao benestar cidadán e á calidade dos servizos públicos municipais, ao tempo que incorpora proxectos transformadores que permitirán seguir cumprindo cos compromisos adquiridos no programa de goberno.

Unha vez celebrado o Consello de Participación Veciñal, o obxectivo do Goberno local é aprobar o Orzamento municipal de 2026 no pleno ordinario do mes de decembro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio