O Concello de Poio reuniu no Casal de Ferreirós á veciñanza para explicar o proxecto da PO-308 na Barca, unha actuación que vai mellorar a seguridade e os servizos na zona e transformar a imaxe dunha das entradas ao municipio.
O encontro contou coa asistencia do alcalde, Ángel Moldes, e dun dos técnicos que participaron na redacción do proxecto. O obxectivo, indicou Moldes, é que os residentes coñecesen de primeira man e desde o principio cales son as propostas para mellorar esta estrada e, con elas, a calidade de vida da veciñanza, pero tamén escoitar a súa opinión e responder as dúbidas que puideran xurdir.
O proxecto para humanizar a PO-308 entre A Barca e Casal de Ferreirós contará cun investimento de 1,7M€, financiado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia. Contempla a optimización do espazo público da vía, coa delimitación clara do uso e funcións das distintas zonas: renovación do firme da calzada, pavimentación de beirarrúas, aparcamentos e calzada cos carrís proxectados. Humanizarase o espazo con zonas axardinadas e mobiliario urbano potenciando así os desprazamentos a pé, transformando a imaxe dunha das entradas principais de Poio e do núcleo urbano de San Salvador cunha visión moito máis amigable. Ademais, reservaranse zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. Inclúe tamén a reposición de servizos básicos de saneamento, abastecemento e pluviais, sinalizacións horizontais e verticais e canalizacións subterráneas para telefonía e electricidade que substitúan os actuais tendidos aéreos.
Esta é a primeira fase dun proxecto que continuará ata Casa Solla e que supera, en conxunto, os 4,8M€ polo que debido á súa magnitude divídese en varias actuacións.